Nova: VindeCine estréase en Vigo con Anticristo, de Lars Von Trier

06/12/2017
VindeCine estréase en Vigo con Anticristo, de Lars Von Trier
A Consellería de Cultura bota a andar en Vigo a iniciativa VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual con este traballo do director danés
A película está programada mañá xoves 7, ás 20:10 horas, nos Multicines Norte, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala
Vigo, 6 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación bota a andar mañá xoves, ás 20:10 horas, nos Multicines Norte de Vigo o ciclo VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual coa proxección de Anticristo. O filme supón o despegue na cidade olívica dos ciclos de cine arredor do medievo que traerán un total de 21 proxeccións ás pantallas de Vigo -a través de Multicines Norte-, Santiago de Compostela –no Numax- e da Coruña -no Centro Galego de Artes da Imaxe. CGAI- nas vindeiras semanas.
A selección de títulos realizada polos programadores das salas que participan nesta iniciativa vaille permitir ao público gozar dunha serie de filmes de destacados directores dos séculos XX e XXI. Anticristo estreouse no Festival de Cannes de 2009. Potagonizada por Willem Dafoe e Charlotte Gainsbourg, quen gañou o premio á mellor actriz no certame, o filme é o comezo da chamada “triloxía da depresión” do laureado director danés Lars Von Trier, da que forman tamén parte Melancolía e Nymphomaniac.
O pase supón, pois, a oportunidade de revisar unha película rodeada de polémica desde a súa estrea e que aínda no 2016, sete anos despois da súa estrea, foi prohibida en Francia.
Clásicos do século XX
Anticristo é o único filme deste século que os Multicines Norte programan dentro deste ciclo, viaxando ata o pasado século para ofrecer ao espectador unha visión clásica do medievo. Así, o 14 de decembro, Campanadas a medianoche, dirixida e interpretada por Orson Welles en 1965 ofrece unha adaptación de varias obras de William Shakespeare para narrar a coñecida como Guerra dos Cen Anos, cando Enrique IV, primeiro monarca da dinastía dos Lancaster, lle arrebata o trono ao seu primo Ricardo II.
Outro clásico, Os contos de Canterbury, de Pier Paolo Pasolini, proxectarase o 11 de xaneiro. O 1 de febreiro, El Cid de Anthony Mann chega ás pantallas de Multicines Norte para recuperar a historia do lendario cabaleiro español. Ines de Castro, de J. Leiato Barros, conta a historia de amor da doncela galega e o infante portugués que ten inspirado durante séculos á literatura do país veciño. Proxéctase o 22 de febreiro.
E pechará o ciclo en Vigo a proxección, o 15 de marzo, de Reina Santa, de Rafael Gil, unha coprodución hispano lusa que abunda na historia de traizóns e sospeitas que rodeou o matrimonio de estado entre Isabel de Aragón e Dionisio de Portugal.
Programación dedicada ao Pergamiño Vindel
Na páxina web de Cultura pode consultarse toda a programación dos ciclos, así como do resto de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro 4 de marzo.