Nova: Os Premios Nós tamén creamos! xa teñen gañadores

02/06/2016

Os Premios Nós tamén creamos! xa teñen gañadores

Os centros galardoados son o CPI San Vicente, da Baña; o CEIP do Camiño Inglés, de Oroso, e o CEIP de Ponzos, de Ferrol

Tamén recibiron mencións especiais do xurado o CEIP de Cervo, o CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, e o CEIP Plurilingüe Otero Novas

O concurso de animación de curtas en galego forma parte do programa de dinamización lingüística do mesmo nome que promove a Cultura en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e con OQO editora
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2015.- O Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) fixo pública hoxe resolución da V edición dos Premios a curtas de animación en galego 'Nós tamén creamos!'.

Na modalidade de educación infantil a curta premiada foi “Canto ruído”, do CPI de San Vicente, da Baña; na categoría de primeiro e segundo de primaria, “A figueira de Pelostortos”, do CEIP do Camiño Inglés, de Oroso, e, na de segundo e terceiro de primaria, outra curta co mesmo título realizada polo CEIP de Ponzos, de Ferrol.

De acordo coas bases do concurso, cada un destes centros recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas recibirá da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

O xurado dos premios acordou tamén concederlles mencións aos traballos “A princesa que bocexaba a todas horas”, do CEIP de Cervo, pola calidade estética; “A máscara do león”, do CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu, pola banda sonora, e a “O mago rosa”, do CEIP Plurilingüe Otero Novas, de Cortegada, pola ambientación e a composición estética.
Tanto as curtametraxes premiadas como as que recibiron mención poden verse no Portal da Lingua Galega e mais na sección infantil do web da Televisión de Galicia (TVG).

Dinamización lingüística a través do cine
'Nós tamén creamos!' é un programa de dinamización lingüística que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa coa colaboración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia e de OQOeditora.

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion que adaptan narracións literarias en aulas de infantil e de primaria, perséguese favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.
O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.
 

Comparte