Nova: Belén do Campo anuncia a licitación do retablo maior da igrexa de San Fins de Sales cun orzamento de case 65.000 €

26/09/2025

Belén do Campo anuncia a licitación do retablo maior da igrexa de San Fins de Sales cun orzamento de case 65.000 €

A delegada da Xunta explicou que a actuación responde á necesidade de resolver distintas patoloxías detectadas debido a problemas de tipo estrutural

Con esta intervención, desde o Goberno galego continuase a garantir a protección e conservación dos bens patrimoniais da comunidade

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración coa diocese de Santiago

Vedra (A Coruña), 26 de setembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, anunciou a licitación das obras do retablo maior da igrexa de San Fins de Sales que contarán cun orzamento de case 65.000 euros. A representante do Goberno autonómico e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez visitaron o templo para informar do inicio do expediente de contratación para acometer esta actuación o antes posible.

A igrexa de San Fins de Sales da que forma parte o retablo maior e as súas imaxes, ten a consideración de ben catalogado ao estar incluída no catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vedra dentro do patrimonio cultural de Galicia. Así mesmo está recollida no catálogo do Plan Básico Autonómico.

Belén do Campo explicou que este retablo de estilo barroco e as súas imaxes (imaxes de San Xosé, Santo Antón de Padua, Inmaculada Concepción e San Fins de Valois) presentan un estado de conservación bastante malo debido principalmente a problemas de tipo estrutural por mor do ataque de térmite, sucidade superficial, profundas fendas na zona do ático, roturas, faltas de policromía, un repinte xeneralizado, presenza dun cabreado eléctrico, perda de elementos decorativos, lagoas na policromía, perdas de soporte motivadas polo ataque de térmite e parcheado con produtos e metodoloxía inadecuada nas zonas de soporte atacado pola térmite.

“Esta intervención, recalcou Belén do Campo, dará solución ás alteracións actuais acometendo os traballos de restauración necesarios solucionando patoloxías detectadas para recuperar este ben cultural”.

Actuación

Esta actuación  incluirá a desmontaxe da fornela do ático, do expositor e do fondo da fornela central, para a avaliación do estado de conservación da estrutura e posterior estudo do estado de conservación da estrutura e valoración da desmontaxe parcial ou total do retablo co fin de valorar as ancoraxes ao muro e a estabilidade do conxunto retablístico. 

Posteriormente, levarase a cabo a eliminación do cabreado eléctrico , desinsectización do conxunto, substitución en caso necesario, con madeira de castiñeiro debidamente curada, de aqueles elementos que pola súa deterioración xa non cumpren coa súa función de soporte da estrutura do retablo e a consolidación das zonas do soporte posterior que presenten debilitamento. 

Ademais, levarase a cabo a fixación da preparación e da policromía, eliminación das repolicromías coa finalidade de recuperar a orixinal, a consolidación das zonas do soporte do anverso do retablo e reintegración volumétrica de volumes faltantes, a limpeza da policromía, tratamento de elementos metálicos e a reintegración cromática e vernizado 

O proxecto tamén contempla a realización de catas para a valoración de eliminación de repintes e restauración das imaxes de San Antón de Padua, túnica de San Xosé, San Fins de Valois e Inmaculada Concepción. Finalmente, tamén está prevista unha mellor iluminación do retablo coa instalación de dous focos led a ambos lados.

Convenio colaboración

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración coa diocese de Santiago para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa. 

Deste xeito, a realización da obra, cunha duración prevista de catro meses, responde ao compromiso do Goberno galego coa protección e conservación dos bens patrimoniais, especialmente co fin de garantir o mellor estado destes bens. “Somos  a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais en Vedra”, subliñou.

Comparte