Nova: A Xunta impulsa a rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Petelos en Mos cun investimento de 200.000€

09/06/2025
A Xunta impulsa a rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Petelos en Mos cun investimento de 200.000€
- O Consello dá o visto e prace ao convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o concello pontevedrés para posta en valor deste edificio e a súa contorna
- O inmoble, datado do século XV e de estilo gótico, está protexido polo seu valor cultural e está considerado un dos edificios de máis valía patrimonial do municipio
- As súas instalacións foron obxecto de reconstrucións previas, ás que se lle dá continuidade centrándose no muro, na mellora de accesos e na zona dos xardíns
- As actuacións, que debe contratar a Administración local, repártanse entre os anos 2025 e 2026
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello de Mos para dar continuidade a rehabilitación da Antiga Casa Reitorial de Petelos cun investimento por parte do Goberno galego de 200.000€ para as actuacións que se levarán a cabo durante os anos 2025 e 2026.
Cómpre salientar que este inmoble, datado no século XV e de estilo gótico, é un dos edificios de máis valía patrimonial deste concello. Está protexido polo seu valor cultural no Plan xeral de ordenación municipal, á vez que no Catálogo autonómico de patrimonio da Xunta. Consecuentemente, as actuacións que financiará a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude teñen como obxecto a súa posta en valor e tamén da súa contorna.
A rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Petelos estase a levar a cabo en varias fases, xa que comezaron ao abeiro dun convenio entre a Diocese Tui-Vigo e o Concello de Mos. Consecuentemente, na actualidade, xa conta coa torre fortificada totalmente rehabilitada e tamén están recuperadas as naves norte, leste e oeste.
Por tanto, as actuacións co cargo aos Orzamentos da Xunta de 2025 e de 2026 vanse centrar especialmente na limpeza, saneado e reconstrucion do muro exterior e tamén na mellora dos seus accesos para poñer en valor este edificio e a súa contorna. De igual xeito, será necesario renovar algún elemento da carpintería para mellorar as condicións de protección do interior do inmoble.
Ademais, as obras de reparación desta fase inclúen a reconstrución de parte da coroación dos muros perimetrais que actualmente están caídos; abrirase tamén nunha sección para crear un paso peonil que permita acceder desde a zona dos aparcamentos aos futuros xardíns, cuxo acondicionamento tamén está previsto nestas intervencións.
A maiores, nesta fase de rehabilitación tamén se procederá á colocación de portas de acceso de madeira maciza, unhas cancelas, varandas metálicas e tirarase proveito dos traballos no perímetro da Antiga Casa Reitoral para a incorporación de iluminación exterior integrada no pavimento.
Segundo o establecido no convenio, será o Concello de Mos a administracion encargada de contratar as empresas especializadas e tamén os medios humanos, técnicos e materias necesarios para o desenvolvemento dos traballos, conforme a Lei de Patrimonio de Galicia de 2016. Ademais, estableceranse para o 2025 e o 2026 unha serie de actuacións a realizar anualmente.