Nova: A Xunta avanza o programa do IV Encontro galego de cultura popular Serán04 que reunirá no Gaiás un milleiro de intérpretes de música e baile tradicional

13/05/2025
A Xunta avanza o programa do IV Encontro galego de cultura popular Serán04 que reunirá no Gaiás un milleiro de intérpretes de música e baile tradicional
O encontro regresa en xuño para abrir a programación do verán no Gaiás e encadrado na programación da Consellería de Cultura con motivo das Letras Galegas dedicadas á poesía popular oral e ás cantareiras
López Campos destaca que o ‘Serán’ amosará “toda a riqueza da nosa música e baile tradicional, que agardamos acadará pronto o recoñecemento como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial”
Os artistas Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria súmanse ao programa desta cuarta edición do evento
Desenvolverase entre o 20 e o 22 de xuño na Cidade da Cultura, con entrada de balde e novamente baixo a dirección artística de Henrique Peón
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou esta mañá o programa da IV edición do Serán, Encontro Galego de Cultura Popular, un evento protagonizado pola nosa música e baile tradicional que regresa ao Gaiás no marco da programación das Letras Galegas. Entre o 20 e o 22 de xuño, o Serán’04 reunirá na Cidade da Cultura ata un milleiro de artistas e intérpretes e 40 agrupacións de baile, canto e pandeireta.
O titular de Cultura e Lingua salientou que nesta cuarta edición do Serán as pandeireteiras e cantareiras serán destacadas protagonistas. “A súa figura foi fundamental na creación, preservación e transmisión da cultura popular, e este 2025 son merecidamente homenaxeadas nas nosas Letras Galegas, pois é imposible entender o folclore e a música galega sen elas”, lembrou López Campos.
O representante da Xunta destacou que o Serán’04 “reunirá nunha gran foliada toda a riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional de Galicia, converténdose en verdadeira celebración da nosa cultura popular e patrimonio inmaterial”. López Campos lembrou así o compromiso do seu departamento coa protección e salvagarda dunha manifestación cultural —a música e o baile tradicional— que se calcula aglutina a máis de 40.000 persoas dentro e fóra de Galicia, “unha das mellores mostras da identidade do pobo galego, que agardamos que moi pronto sexa recoñecida como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial”, sinalou o conselleiro.
O acto de presentación do Serán’04 contou tamén coa participación do director artístico do encontro, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Henrique Peón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil ; e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, Verónica Santos.
17.000 asistentes en tres edicións
Nas súas tres edicións previas, celebradas tamén na Cidade da Cultura, o Serán congregou máis de 17.000 asistentes. Nesta cuarta entrega, e coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música e o arranque da programación do verán no Gaiás, o Serán volverá despregar un intenso programa, completamente gratuíto, de concertos, espectáculos e festivais ao redor da música e o baile tradicional de Galicia.
Como novidade, o programa incorpora na noite do venres 20 de xuño un festival folk que reunirá a algúns dos nomes máis destacados do tradi actual, como a banda De Ninghures, unha das revelacións da música galega dos últimos anos, que conquista a todo tipo de públicos coa súa fusión de folk con músicas de todo o mundo: desde o rock saharauí ata as melodías cubanas. Compartirán escenario cun dos nosos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, acompañado das súas inseparables Adufeiras de Salitre.
Completan o cartel deste festival folk Xosé Lois Romero & Aliboria, cos seus potentes arranxos para percusión tradicional e voz cheos de forza, raza e terra; e Tres Pesos, agrupación integrada por Xoán Porto, Xosé Antón Ferreira e Felisa Segade: os tres, en conxunto, suman centos de horas sobre os escenarios con proxectos como Leilía, Malveiras, Limagoia, Bricadeira ou A Ponte Vella, entre outros.
Destacados nomes da música e o baile tradicional
O programa do Serán’04 incluirá tamén 15 masterclasses profesionais impartidas polo profesorado especializado en música e baile máis destacado do momento, con nomes como Olga Kirk, Luis Prego, Serxio Cobos, María Vida, Xosé Lois Romero, Montse Rivera ou Felisa Segade, entre outros moitos. Incluiranse ademais contidos formativos novidosos como unha clase de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade ou unha de bordado co modisto e especialista en traxe tradicional, Álex Regueiro.
Non faltarán tampouco o tradicional foliadón na noite do sábado, con cinco horas de música e baile e centos de intérpretes reunidos sobre o escenario, unha exposición de traxe tradicional ou un Certame de Coros Enxebres onde actuarán o Coro tradicional Xacarandaina, Cantares do Brión (Gondomar), a Coral de Ruada (Ourense) e as Pandeireteiras de XOC (Xacarandaina-O Fiadeiro-Cantigas e Agarimos).
O Serán’04 despedirase o domingo 22 de xuño con toda unha exhibición de baile tradicional na que participarán oito agrupacións de toda Galicia: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxaina (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña) e Saíñas (Xove).