Nova: Escenas do Cambio remata esta fin de semana co espectáculo internacional de danza ‘Exposure’ e a primeira estrea en internet de Mercedes Peón

10/05/2025

Escenas do Cambio remata esta fin de semana co espectáculo internacional de danza ‘Exposure’ e a primeira estrea en internet de Mercedes Peón

O baile afrocubano e a cultura do hip-hop encóntranse nunha coreografía que une Cuba e Alemaña atravesada pola música do compositor australiano Ben Frost

‘Exposure’ combina o renome da multipremiada compañía Danza Contemporánea de Cuba e dos coreógrafos Julio César Iglesias Ungo e Hans van den Broeck co talento novo do Urban Arts Ensemble Ruhr alemán

Mercedes Peón pecha esta undécima edición cun ensaio audiovisual sobre a importancia das tocadoras e os seus lugares de reunión na tradición musical galega

O festival, organizado pola Xunta de Galicia, ofrece espazos privilexiados na Cidade da Cultura e no Salón Teatro para coñecer as últimas tendencias na creación escénica independente

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025

O festival Escenas do cambio, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pecha a súa undécima edición esta fin de semana con dúas estreas singulares. Hoxe sábado, no Gaiás poderá verse por primeira vez en España o espectáculo de danza Exposure, unha obra que reúne o talento de catro países: Cuba, Alemaña, Bélxica e Australia. O domingo será unha das artistas galegas máis internacionais, Mercedes Peón, quen presente unha nova creación audiovisual pensada para ser experimentada a través das pantallas de ordenadores e dispositivos móbiles.

A prestixiosa compañía Danza Contemporánea de Cuba, con máis de 60 anos de historia e recoñecida con máis de 70 premios en todo o mundo, establece en Exposure un diálogo coa cultura do hip-hop do Urban Arts Ensemble Ruhr alemán, mediado polos coreógrafos Julio César Iglesias Ungo e Hans van den Broeck. Xuntos crean unha potente peza de danza na que os bailaríns, cunha entrega física total, ofrecen unha visión íntima da súa identidade e da súa conexión entre si. A obra conta coa música en directo do prestixioso compositor australiano Ben Frost, coñecido por crear unha electrónica minimalista, emotiva e escura, así como polas colaboración con músicos como Björk ou a banda estadounidense de rock experimental Swans.

Pola súa parte, Mercedes Peón pon o ramo a Escenas do cambio con O intanxible e o non mundo, unha obra de vídeo-creación na que a artista galega recupera documentos sonoros e visuais ao redor das tocadoras e os seus lugares de reunión para falarnos da súa importancia na tradición musical galega e da influencia que teñen na súa obra. Será a primeira peza que a artista estree de maneira exclusiva e efémera a través de Internet, e poderá verse durante apenas 24 horas na canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Mecánica e natureza

A xornada do sábado comeza de mañá dentro da instalación sonora So de Cop, na que o músico catalán Arnau Obiols intervén os elementos propios do bosque (cunchas, madeiras, follas, etc.) para darlles unha nova vida e sonoridade con motores e enxeños mecánicos. Pola tarde será a quenda da performance de Reinaldo Ribeiro I’m not an influencer (Schwarzenegger exterminó mi futuro), segundo capítulo da triloxía na que o artista canario pon en cuestión a mirada e o relato artístico sobre o corpo negro e mestizo.

O segundo pase da obra de teatro físico I’m not a hero, da compañía suíza Fluctus, a estrea en España de Exposure, e en Galicia de Roland Mon Amour, coprodución de Funboa Escénica co Centro Dramático Galego e o Centro Dramático Nacional, completan o programa do sábado en Escenas do cambio.

Última xornada

O domingo arranca con outra instalación sonora, Ruido, que pon á disposición do público, a partir dos 8 anos, todo un dispositivo de obxectos cos que converterse en deseñadores do son dos clips de cine que se proxectan no espazo do Gaiás. Tamén de mañá será a mostra do proceso creativo de Familia Nijinska, nova peza que VACAburra estivo a desenvolver en residencia artística durante o festival.

Pola tarde, haberá oco para facer balance e compartir impresións no encontro organizado polo Comando Dramatúrxico que dirixe o profesor e dramaturgo Afonso Becerra, antes de baixar ao Salón Teatro para gozar de Solala, de Amalia Fernández. Unha obra en tres actos diferenciados que abordan cuestións como a memoria individual e colectiva, a identidade e o valor da creación artística nas sociedades actuais.

A Xunta de Galicia organiza Escenas do cambio 2025 baixo a dirección da coreógrafa e bailarina, Kirenia Martínez, e coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, o Instituto Camões e o Goethe Institut.

Comparte