Nova: A Xunta publica no DOG a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Lourizán

30/04/2025
A Xunta publica no DOG a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Lourizán
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina así o procedemento iniciado en maio de 2023 polo seu papel destacado como exemplo da arquitectura de estilo ecléctico
Obtivéronse os informes favorables do Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes do Rosario e da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia o decreto que oficializa a declaración do Pazo de Lourizán, no municipio de Pontevedra, como Ben de Interese Cultural na categoría de monumento. O Goberno galego culmina así o procedemento tras a tramitación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que se iniciou en maio de 2023 e contou co respaldo de informes favorables emitidos pola Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e polo Consello da Cultura Galega.
O decreto abarca a protección dun conxunto arquitectónico e natural de enorme singularidade, no que se inclúe o edificio principal —obra destacada do arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a comezos do século XX—, ademais de instalacións anexas como fontes, un muíño, un invernadoiro e estanques, así como o arboredo histórico, recoñecido entre os máis relevantes de Europa. Esta protección recoñece tamén a súa especial importancia como mostra do eclecticismo arquitectónico influenciado polo estilo do Segundo Imperio Francés, e a súa relevancia histórica e científica ligada á actividade forestal e institucional de Galicia.
O recoñecemento como Ben de Interese Cultural pon de manifesto o proceso evolutivo do espazo, desde a súa orixe como propiedade agrícola ata o seu posterior uso como residencia señorial e centro de actividade representativa, consolidándose como un referente de cultura, natureza e historia para a cidade de Pontevedra e o conxunto de Galicia. A declaración tamén subliña a súa vinculación con Eugenio Montero Ríos, así como a súa presenza na literatura e nos relatos históricos asociados a decisións políticas destacadas.
Preservación dun amplo conxunto
A protección esténdese a toda a finca delimitada, integrada por elementos arquitectónicos e naturais, con especial atención aos accesos, zonas axardinadas, edificacións complementarias e trazados históricos. A definición do contorno de protección responde á topografía e á configuración do espazo natural, garantindo a súa unidade paisaxística.
O decreto atribúe ao Pazo de Lourizán un nivel de protección integral, de maneira que calquera intervención deberá ser autorizada previamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en cumprimento do establecido na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Esta medida busca preservar a integridade do conxunto e asegurar que os futuros usos respecten os seus valores históricos, artísticos e naturais.
Con esta nova declaración, Galicia eleva a 785 o número de bens de interese cultural protexidos, dos cales 112 foron incorporados desde a entrada en vigor da normativa actual, consolidando o traballo continuo da Xunta a prol da conservación do seu patrimonio cultural.