Nova: A Xunta celebra o Día internacional da danza coa convocatoria do novo Programa de Coproducións do Centro Coreográfico Galego

29/04/2024

A Xunta celebra o Día internacional da danza coa convocatoria do novo Programa de Coproducións do Centro Coreográfico Galego

Destínanse máis de 54.000 euros para poñer en marcha tres novos espectáculos de danza e artes do movemento

As pezas seleccionadas, dúas de compañías consolidadas e unha de profesionais emerxentes, deberán estrearse antes do 31 de marzo de 2025

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A Xunta de Galicia publica hoxe, Día Internacional da Danza, as bases dunha nova convocatoria do programa anual de coproducións que desenvolve neste ámbito a través do Centro Coreográfico Galego. Un ano máis, o Goberno galego, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais, contribúe á posta en marcha de tres novos espectáculos de danza e artes do movemento, dos que un corresponderá a unha compañía emerxente.

Neste 2024 lánzase unha única convocatoria establecendo dúas modalidades, unha para persoas ou compañías consolidadas, cunha  antigüidade de cinco anos, e outra para profesionais emerxentes, con menos dun lustro de traxectoria. En ambas as categorías, tanto a persoa solicitante como, cando menos, o 50% do equipo artístico (intérpretes e dirección/coreografía) han de acreditar a correspondente antigüidade coa alta nas epígrafes do IAE esixidas.

A Axencia Galega de Industrias Culturais reserva 54.447 euros a esta convocatoria, de xeito que se establece un límite de 14.999 euros, máis IVE, para cada un dos tres proxectos seleccionados. A achega económica materializarase a través de cadanseu contrato de coprodución e non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto presentado. As pezas seleccionadas deberán estrearse, como límite, antes ao 31 de marzo de 2025.

Prazo ata o 20 de maio

O prazo de solicitude manterase aberto ata o vindeiro 20 de maio. Unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes, de acordo cun baremo de puntuacións que terá en conta a memoria do proxecto, a súa relevancia e interese cultural e artístico, así como o apoio doutras institucións públicas ou privadas.

Ademais, este ano introdúcense como criterios de avaliación as medidas que conectan cos obxectivos do Plan Integral Para a Danza de Galicia, como son a adaptación a espazos non convencionais, a profesionalización da danza tradicional, a participación de persoas con discapacidade, a visibilidade da danza nos medios de comunicación e o fomento da asistencia de público familiar e xuvenil.

Para garantir a calidade das pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego, fíxase unha puntuación mínima do 50% nos criterios técnicos e facúltase á comisión a propoñer deserto o procedemento da modalidade para compañías emerxentes e, nese caso,  acordar a selección de tres proxectos na modalidade de consolidadas.

Plan Integral para a Danza de Galicia

O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por oitavo ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Entronca, neste sentido, cos obxectivos recollidos no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Xunta a partir dun proceso participativo co sector no marco do Plan Xeración Cultura.

As coproducións resultantes da última convocatoria do Centro Coreográfico Galego foron  Millo vello, de Ay, cariño!, peza que se estreará no festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Galicia este venres 3 de maio;  Anöa, de Elvi Balboa; e Sleepwalkers, de La Macana. Ademais, o pasado ano publicouse unha segunda resolución para creacións de gran formato, da que resultou adxudicataria Nova Galega de Danza coa proposta para o espectáculo Dique, que verá a luz o vindeiro 21 de xuño no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

As bases actuais poden consultarse na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Comparte