Nova: A Xunta apoia con 800.000 € a creación escénica de novos espectáculos producidos en Galicia
27/01/2024
A Xunta apoia con 800.000 € a creación escénica de novos espectáculos producidos en Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica as bases que rexen estas subvencións coas súas catro modalidades destinadas a empresas de nova creación, montaxes de teatro, circo e maxia, danza e artes do movemento e actividade escénica plurianual
Introdúcense novos criterios respecto ás compañías de danza e artes do movemento para converxer cos obxectivos do Plan Integral para a Danza de Galicia
O prazo de presentación de propostas esténdese ata o 26 de febreiro
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024 As compañías galegas profesionais de calquera disciplina escénica poden optar este ano aos 800.000 euros en axudas para a creación dos seus novos espectáculos a través da convocatoria de subvencións da Xunta publicada no Diario Oficial de Galicia. Esta liña destinada á produción de teatro, danza, maxia ou circo forma parte da canle específica de axudas ao sector e dálle continuidade en canto a dotación e criterios xerais ás vixentes nos últimos catro anos, co obxectivo de contribuír á preparación de novas propostas escénicas de empresas e artistas con actividade maioritaria en Galicia.
Tamén se manteñen as catro categorías nas que se divide a convocatoria: espectáculos de empresas de nova creación, montaxes de teatro, circo e maxia, de danza e artes do movemento e actividade escénica plurianual.
Respecto ás bases do pasado ano, as que rexen en 2024 introducen dous novos criterios para o ámbito da danza e as artes do movemento, co fin de favorecer que as compañías desta disciplina artística poidan optar á axuda plurianual e converxer, ademais, cos obxectivos marcados no Plan Integral para a Danza de Galicia. Así, a cifra de facturación media nos tres últimos anos rebáixase en 40.000 euros respecto ao resto de xéneros e establécese que os proxectos deberán conter, cando menos, unha produción e un plan de xira de 50 funcións (10 delas correspondentes a unha das producións do proxecto subvencionado) que contemple tanto o mercado galego como o exterior.
Distribución por modalidades
Dos 800.000 euros destinados a estas subvencións, 430.000 resérvanse á produción de teatro, circo e maxia, que poden acadar axudas de ata un 75% do seu orzamento, cun límite de 60.000 euros por proxecto. Outros 100.000 euros están destinados a apoiar espectáculos de danza e artes do movemento, tamén ata o 75% e cun máximo fixado en 37.500 euros. Para os proxectos de empresas de nova creación, a convocatoria reserva unha partida de 70.000 euros cun límite de 18.000 euros por adxudicación e ata un apoio máximo do 90% sobre o orzamento presentado.
Tamén se volve ofrecer a posibilidade de concorrer á concertación de varios proxectos de xeito plurianual, modalidade para a que se destinan 200.000 euros coa finalidade de posibilitar o funcionamento de equipos e proxectos de empresas teatrais consolidadas. As súas planificacións, a tres anos, deben conter cando menos unha produción e unha xira de 70 funcións tanto no mercado galego como no exterior. A cantidade máxima a percibir por esta categoría é de 100.000 euros, cun límite do 80% sobre o orzamento do proxecto.
O prazo de solicitude para as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como as sociedades ou unións temporais de empresas interesadas en presentar os seus proxectos á convocatoria de creación escénica esténdese ata o vindeiro 26 de febreiro.