Nova: A Xunta conmemora o 108 aniversario do nacemento do intelectual Ramón Piñeiro coa colocación dun busto no Pazo de San Roque

31/05/2023

A Xunta conmemora o 108 aniversario do nacemento do intelectual Ramón Piñeiro coa colocación dun busto no Pazo de San Roque

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de descuberta desta escultura, obra do ourensán Ramón Conde

Preséntanse tamén as actividades que o Centro Ramón Piñeiro programa no Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea para os próximos meses

 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A Xunta de Galicia conmemora hoxe o 108 aniversario do nacemento do intelectual e político Ramón Piñeiro coa descuberta do seu busto, obra do ourensán Ramón Conde, que permanecerá desde hoxe no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 

No acto de presentación, no que tamén se avanzaron as actividades que este centro programa no Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea para os próximos meses, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen indicou que Ramón Piñeiro “é un home que traballou sempre por Galicia e sen buscar destacar, coido que con todo non había de estar desgustado con esta homenaxe que lle rendemos hoxe, pero desde logo había sentirse feliz de ver como se incorporan ao centro de investigación que leva o seu nome novas propostas”. 

Canda o representante autonómico tamén interviñeron Manuel González González, coordinador científico do centro; Amancio Liñares, director do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do centro; Armando Requeixo, secretario, e o escultor Ramón Conde. 

Actividades previstas

Entre as propostas que o Centro Ramón Piñeiro programa no seu Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea de cara aos vindeiros meses están a creación dun espazo propio na sección de Proxectos da páxina web do Centro Ramón Piñeiro, que incluirá a edición das conferencias das Xornadas Olladas no pasado, 2022 (Ramón Piñeiro e o seu tempo, 1915-1990. Galicia nas décadas de Ramón Piñeiro); así como a celebración dunha segunda edición deste encontro, organizado este ano arredor dos 40 anos da Lei de Normalización Lingüística (1983-2023), que terá lugar o 3 e 4 de novembro. 

Ademais, esta área de investigación programa unha reprodución facsimilar do Caderno da Exposición sobre o Seminario de Estudos Galegos, que celebra este ano o seu centenario; unha publicación homenaxe a Manuel Murguía en Bos Aires ou o XLVI Caderno Ramón Piñeiro, dedicado a Francisco Fernández del Riego, cuxa presentación a finais de ano pechará a programación institucional arredor do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

 

Comparte