Nova: A Xunta convoca o VI Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia que recoñece as mellores prácticas municipais de fomento á lectura

22/05/2023

A Xunta convoca o VI Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia que recoñece as mellores prácticas municipais de fomento á lectura

Dirixise a concellos integrados na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia en dúas categorías: ata 10.000 habitantes e cunha poboación superior

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022 A Xunta de Galicia vén de convocar o VI Premio á Innovación Bibliotecaria para distinguir os mellores proxectos levados a cabo nas bibliotecas municipais. Valorarase o seu traballo á hora de crear e fidelizar lectores, así como por impulsar accións orixinais que contribúan a reforzar as competencias lectoras e dixitais da cidadanía.

Como se indica no Diario Oficial de Galicia, o galardón vai dirixido aos concellos que sexan titulares de bibliotecas ou de axencias de lectura pública integradas na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. Todas eles poderán concorrer cun máximo de dous proxectos ou boas prácticas xa executados e relacionados co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión da biblioteca e dos seus servizos.

Establécense dúas categorías, unha para municipios de ata 10.000 habitantes e outra para concellos cunha poboación superior e poden concorrer tanto de xeito individual como agrupado. A participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade, a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, e, en xeral, a contribución aos obxectivos da Axenda 2030 anteriores son outros dos eidos nos que se poden enmarcar as candidaturas. Os proxectos ou boas prácticas presentados deberán orientarse a buscar resultados positivos e ser axeitados ao contexto local, ademais de innovadores e sostibles no tempo.

Prazo ata o 15 de xuño

Na valoración das candidaturas, que poden presentarse ata o 15 de xuño terase en conta o carácter innovador ou orixinalidade, a implicación da comunidade no deseño ou desenvolvemento, a difusión e repercusión nos medios de comunicación e os beneficios e resultados obtidos, entre outros aspectos.

 

Comparte