Evento: Concerto conmemorativo "Viso Editorial"
Concerto conmemorativo "Viso Editorial"
CONCERTO CONMEMORATIVO DO XXV ANIVERSARIO DE VISO EDITORIAL
Viso Editorial publica partituras de obras musicais de compositores galegos desde 1997.
Celébrase este ano o seu 25 aniversario cun concerto conmemorativo.
Interpretaranse diversas obras das publicadas por Viso neste cuarto de século para distintas combinacións instrumentais dos seguintes autores: Gaspar Smith, Marcial del Adalid, Canuto Berea, Prudencio Piñeiro, Juan Castro Chané, Marcial de Torres Adalid e Juan Durán.
INTÉRPRETES: NILO GARCÍA ARMAS -clarinete-, JUAN DURÁN -piano- e MARGARITA VISO -piano-.
DÍA: 2 de decembro de 2022 (venres/sexta-feira)
HORA: 20:00 horas
LUGAR: Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (“Circo de Artesáns”)
Rúa Santo André/San Andrés, número 36 – CORUÑA
ACTO GRATUÍTO E ABERTO A TODA A CIDADANÍA
ENTRADA LIBRE ATÉ COMPLETAR AFORO
_______________________________________________________
MARGARITA VISO SOTO
Naceu na cidade da Coruña. Realizou estudos no Conservatorio Profesional de Música e Declamación da Coruña. De piano con Jeannette Romero e de harmonía e contrapunto con Rogelio Groba. Amplíou coñecementos con Mª Luisa Nache (canto), José Ferrer (trompa), Carlos López García Picos (composición), Eva Alcázar, Edith Picht-Axenfeld e Noemí Novara (piano).
Como compositora é autora de diversas obras de cámara e para voz e instrumentos. Pertence á Asociación Galega de Compositores.
A súa actividade como pianista acompañante incidiu principalmente no repertorio da música galega e española.
Como musicóloga ten investigado os compositores galegos principalmente, destacando os seus traballos sobre Marcial del Adalid e José Baldomir. Pertence á Sociedad Española de Musicología e á Irmandade da Música Galega.
Creou a editorial VISO (1997), adicada á publicación de música de autores galegos.
Profesora de Solfexo e Teoría da Música (Madrid, 1985) e Pianista Acompañante (Coruña,
1998). Desenvolveu o seu labor docente nos conservatorios de Zaragoza, de Ponferrada e da
Coruña. Xubilada no 2017.
En novembro de 2020 recibiu o Premio da Crítica de Galicia, na sección de música, pola súa traxectoria.
_________________________________________________
JUAN DURÁN ALONSO
Naceu na cidade de Vigo. Estudou nos Conservatorios Superiores da Coruña e de Vigo. Foi alumno de Mercedes Goicoa e de Rogelio Groba.
Traballou como profesor numerario no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Desde 2007 pertence ao Corpo de Inspectores de Educación da Xunta de Galicia na especialidade de Ensinanzas Artísticas.
Actuou como instrumentista de piano (acompañamento) e na música de cámara.
É autor dun centenar de composicións orquestrais, de cámara e vocais, etc. Cultivou esencialmente o xénero liederístico e a música de cámara.
En 2018 recibiu o XXXV Premio Reina Sofía de Composición Musical pola obra “Shispers in the Dark”.
É membro da Asociación Galega de Compositores e da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. Pertence como académico á Real Academia Galega de Belas Artes.
____________________________________________________
NILO JESÚS GARCÍA ARMAS
Naceu en Maracaibo (Venezuela).Comezou a súa formación musical no Conservatorio da Coruña. Trasladouse á cidade de Pontevedra para compaxinar os estudos de Clarinete coa Diplomatura de Educación Musical. Posteriormente ingresou no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde estudou cos profesores Roberto Noche e Francisco Pérez. Finalizou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música da Coruña con Vicente Pérez Planells. Realizou diversos cursos cos profesores Manuel Juan López, Juan Navarro, Enrique Pérez Piquer, Lars Wouters, Walter Boeykens, Hans Deinzer e Andrew Marriner.
Colaborou con numerosas bandas da Galiza. Acudiu como convidado coa Banda Artística de Buñol (Valencia), co maestro Henry Adams, ao Certame de Bandas de Música de Kerkrade (Holanda), no que obtivo o primeiro premio na sección especial.
Foi membro fundador do Cuarteto de Clarinetes Stadler, no que obtivo o galardón ao mellor instrumentista, premiado coa participación no "Encuentro de Música y Academia de Santander" de 2005, onde recibiu aulas maxistrais de Karl-Heinz Steffens, clarinete solista da Orquestra Filarmónica de Berlín.
Exerce como profesor por oposición de Clarinete no Conservatorio de Música Profesional da Coruña, no que tamén dirixe a Banda Sinfónica.
Como director realizou cursos de dirección con Marcel Van Bree, Pascual Villaplana, Andrés Valero y Simone Fermani (profesor de Dirección de Orquestra do Conservatorio de Milán).
Exerceu como profesor e director da Banda do Conservatorio de Música Profesional de Melide e da Banda de Música Municipal de Agolada.
Entre os anos 2016 e xuño de 2018 acudiu ao curso de dirección de orquestra da academia Op.23 en Valladolid, impartido polos directores de orquestra Miguel Romea e Andrés Salado, sendo seleccionado para diferentes concertos con músicos da Orquesta Sinfónica de Castilla y León. Asistiu a aulas de dirección entre 2017 e 2018 co director Juan José Ocón (director da Banda de Música Municipal da Coruña).
En xullo de 2018 dirixiu a Banda Xuvenil Galega no seu I Encontro, acto organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP). Dirixiu en varias ocasións a Banda de Música Municipal da Coruña como director convidado.
En 2019 acabou os estudos do Máster Universitario de Interpretación e Investigación Musical na Universidade Internacional de Valencia co seu traballo fin de máster coa calificación de 10. Realiza actualmente o doutoramento na Universidade da Coruña.
Participou como ponente en congresos e en publicacións. Acaba de publicar o libro “La saga Berea en la ciudad herculina”.
No mes de xuño de 2021 outorgáronlle o Premio Amizade polo Rotary Club de Ferrol e Porto.
Dirixe desde outubro de 2021 a Banda-Escola Municipal de Oleiros.