Evento: Desembarco Chévere: N.E.V.E.R.M.O.R.E.
Desembarco Chévere: N.E.V.E.R.M.O.R.E.
Chévere cumpre 35 anos de actividade neste 2022 e celebran que o grupo segue en boa forma e traballando arreo cunha programación especial durante todo o outono. Dentro desta programación, ofrecen tres funcións en Compostela de 'N.E.V.E.R.M.O.R.E' os días 11, 12 e 13 de novembro e dúas de 'Curva España', os días 4 e 5. De ambas propostas, habéra tamén funcións específicas para escolares dentro del Programa Didáctico.
En palabras do director e dramaturgo do espectáculo, Xesús Ron, "NEVERMORE pódese referir tanto a corvos que falan como a pobos que berran, pero a intención é a mesma: facer memoria. A idea é seguir usando procedementos documentais para crear ficcións a partir da nosa memoria colectiva. Neste caso dispoñémonos a comprobar se a historia do Prestige foi algo máis ca unha catástrofe ecolóxica, porque ao mellor é unha metáfora da hostia e haina que entender como un aviso do que estaba por chegar"."N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia -engade Ron, quen lembra que a asemblea fundacional da plataforma Burla Negra fora precisamente no Auditorio de Galicia- é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese".