Evento: O Galiverso empeza aquí
O Galiverso empeza aquí
O Galiverso empeza aquí é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de mostrar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) dunha maneira diferente. Sen saír da Cidade da Cultura, poderedes viaxar en globo polo escarpado Canón do Sil, mirar A Coruña desde o alto desde a lanterna da Torre de Hércules ou descubrir o templo romano de Santa Baia de Bóveda, entre outras experiencias.
Hai lugares que só se poderán visitar entrando no Galiverso, como a Cripta do Apóstolo, pechada ao público xeral na propia Catedral de Santiago? e outros que polas súas características ou localización non resultan fáciles para as persoas con dificultades de mobilidade, como os tellados da Catedral de Tui. O uso da realidade virtual facilita gozar deles dunha maneira única, accesible e respectuosa coa súa conservación.