Evento: Pórtico do Paraíso
Pórtico do Paraíso
O Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso trae a Ourense desde 2008 a solistas e grupos de excelente calidade de música culta, utilizando como sala de concertos lugares tan emblemáticos como a catedral de San Martiño, a igrexa de Santa María Nai, a igrexa de Santa Eufemia, o Liceo e o Teatro Principal.
Nesta edición a carteleira inclúe recitais na capital ourensá, Esgos e Celanova de Les Éléments, Katonia Twins Guitar Duo, Manuel Vilas, Capella Duriensis, Emilio Villalba e Sara Marina, laReverdie e Spanish Brass Luur Metalls. Complétarase cunha conferencia de Cecilia Rodrigo e varios encontros entre intérpretes.
PROGRAMACIÓN
A catedral de San Martiño acolle o venres 4 de marzo o concerto inaugural deste IX ‘Pórtico do Paraíso’, protagonizado polo coro de cámara francés Les Éléments.
O domingo 6 a programación trasladarase á Igrexa de Santa María Nai, onde actúa o dúo húngaro de guitarras Katonia Twins Guitar Duo, en tanto que o arpista Manuel Vilas ofrecerá un recital o 9 de marzo no Museo Arqueolóxico.
O 11 de marzo, a ‘ensemble’ medieval italiana laReverdie tocará na Igrexa de Santa María Nai e o quinteto de vento metal Spanish Brass Luur Metalls ocupará o Teatro Principal o domingo 13 de marzo, na que será a última cita do festival deste ano.
Ademais, o Mosteiro de San de Pedro de Rocas, en Esgos, acollerá o 5 de marzo o dúo de música medieval que integran Emilio Villalba e Sara Marina; e o Mosteiro de San Salvador de Celanova será o escenario que reciba 12 de marzo o coro de cámara portugués Capella Duriensis. Estes dous concertos contan coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.
O programa paralelo desta novena edición complétase cunha conferencia a cargo de Cecilia Rodrigo, filla do mestre Joaquín Rodrigo, que terá lugar o 7 de marzo no Liceo de Ourense, así como os encontros instrumentais con Manuel Vilas e con laReverdie que se desenvolverán no conservatorio de Música CMUS de Ourense.
Máis eventos de tipo Festival