Evento: MEMO

MEMO
domingo, 27 marzo, 2022 - 20:00
Teatro Ensalle,
Vigo

MEMO

Espectáculo de teatro.

Somos memoria: sensorial, emocional, semántica e, tamén, selectiva. Percibimos, sentimos, procesamos, repetimos, reproducimos, comunicamos pero tamén manipulamos e esquecemos.
Somos o último paso coñecido do mamífero, o seu teito. Non só nos criamos con leite, mamamos memoria. E memoria damos de mamar.
Somos animais racionais (os únicos) non bestas (todos os demais), mulleres e homes que non femias e machos, nenas e nenos non cachorros. Somos cidadás e cidadáns, Natureza é algo que está máis aló da nosa urbe que non é máis que un orbe amurallado. Un contedor de recordos e efemérides coas súas bibliotecas e os seus museos, a súa arquitectura e as súas estatuas.
Somos transcendencia. Queremos pertencer á memoria que construímos, integrarnos na paisaxe que consumimos, formar parte coa esperanza de permanecer. Plantar unha árbore, ter un fillo, escribir un libro?, hai quen inclúe construír unha casa ou ser enterrado nun mausoleo, a cousa é transcender, deixar memoria. Estar na paisaxe, ser mármore, palabra, murmurio, arxila ou carne máis aló de nós.
Somos responsables dun monstro co que tras 5 millóns de anos de evolución que inclúen 5 mil de escritura non aprendemos a convivir. Un monstro paradoxal que rexistra unha historia desmemoriada e crea amnesia a través da hipernesia. Un monstro creado por nós como a hidra, o basilisco, a medusa, a quimera, o leviatán
Somos memoria virtual, tamén. Un tipo de memoria que fará dos outros tipos de memoria un mito en desuso como o minotauro, o kirin, os ovnis, os leprechauns...
Somos Casandra e Sísifo, Sócrates, Buda e o Pastor Mentireiro. E non aprendemos a distinguilos.
Somos capaces de repetir dúas guerras mundiais nun só século e de empezar o seguinte polo mesmo camiño. De saír de crises bélicas, económicas e sanitarias polo mesmo buraco que nos meteu nelas. Non sabemos (ou non queremos) distinguir unha saída dun pozo, cavar de rubir, nin soprar de chupar.
Somos o único animal con memoria e o único capaz de tropezar dúas veces coa mesma pedra.
Somos memos.

Máis eventos de tipo Espectáculo

A xira do cuarto de século
27 de setembro
Auditorio Municipal Hernán Naval
Xeografía do imaxinario: contos, versos e lendas de Galicia
17 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
C@nto contigo
24 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Concerto PunkInfantil
25 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal