Evento: Extra!, de Paco Nogueiras
Extra!, de Paco Nogueiras
O festival Por amor á palabra presenta o espectáculo Extra!, o xornal musical de Paco Nogueiras. A actualidade convértese en melodía e canción neste xornal musical cheo de ritmo, bo humor e diversión para toda a familia: información de todas as temáticas, opinión, pasatempos... noticias que entran polos ollos, as mans e as orellas!
Chega o "xornal musical" que Paco Nogueiras ideou para compartir con todas e todos vós. En EXTRA! os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades.
EXTRA! convídate a conectar co mundo e transformar a realidade en canción. Quen dixo que non se poden cantar as noticias? E bailalas? En EXTRA! pódese. E cantos máis sexamos, moito mellor. Melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que convidan á participación do público. EXTRA! é alegría, diversión , imaxinación e información.