Evento: Presentación do documental “Buenos Aires, capital do libro galego no exilio”
Presentación do documental “Buenos Aires, capital do libro galego no exilio”
A biblioteca cede o espazo para a presentación do documental “Buenos Aires, capital do libro galego no exilio”. A cidade de Buenos Aires foi, durante as seis primeiras décadas do século XX, un centro de produción artística e intelectual galega plasmada na edición de boletíns asociativos, revistas e libros a través das entidades emigradas, exiliados e mecenas.
A partir de 1939 o exilio galego enriquece de xeito salientable o panorama literario e editorial arxentino: Daniel Castelao e Rafael Dieste en Editorial Atlántida; Mariano Medina del Río e Álvaro de las Casas son os directores de Emecé, onde Luis Seoane, Arturo Cuadrado dirixirán as coleccións Dorna e Hórreo. Logo, en 1942 Seoane e Cuadrado fundan a Editorial Nova onde Lorenzo Varela e Manuel Colmeiro son os seus estreitos colaboradores. Máis, Correo Literario, De Mar a Mar e Cabalgata son tres publicacións paradigmáticas das achegas galegas ao panorama literario porteño.
A numerosa colectividade galega cumpriu coa tarefa histórica de manter vivo o pulo editorial en lingua galega. Actividade realizada no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.
Dirixido a público adulto. As persoas interesadas poderán retirar a súa invitación no mostrador de Información da biblioteca dende 30 minutos antes do comezo da actividade.