Evento: Nevermore
Nevermore
Esta obra, unha coprodución de Chévere e o Centro Dramático para abrir a tempada do Teatro María Guerrero, usa a memoria dunha catástrofe ecolóxica (a do Prestige) como detonante para desenvolver unha narrativa escénica sobre o presente. A idea é seguir usando procedementos documentais para crear ficcións a partir da memoria colectiva de feitos do noso pasado recente. Neste caso dispoñémonos a comprobar a posibilidade de desvelar outras verdades ou ficcións ocultas na historia da catástrofe do Prestige, para achegarse ao que está pasando coa pandemia de Covid-19. Entender o Prestige como un aviso do que estaba por vir, do inevitable de seguir habitando a catástrofe.
Tirando dos fíos que se cruzan na experiencia de rememorar a catástrofe do Prestige, traballamos sobre a existencia de zonas sacrificadas para maximizar os beneficios; sobre o tráfico marítimo internacional como materialización e soporte da globalización; sobre a fin dos combustibles fósiles como metáfora da fin do capitalismo; sobre a capacidade das autoridades para elaborar ficcións que substitúan os feitos e o poder da autoorganización social para contrarrestar o falseamiento da realidade; sobre as teorías da conspiración como himnos ao caos; e preguntámonos, que significa implicarse como cidadáns e como artistas na construción doutras narrativas? Como nos afecta a desaparición da realidade nun mundo cada vez máis virtual e a imposibilidade de abrazarse nun escenario?
Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios



