Evento: Espazo Fest: Marlango
Espazo Fest: Marlango
Marlango é un grupo español de música pop con influencias do jazz e do blues. Os integrantes do grupo son Leonor Watling e Alejandro Pelayo. O seu nome xorde da introdución da canción "I wish I was in new Orleans" de Tom Waits.
En 1998 Leonor e Alejandro gravaron unha maqueta con catorce temas para piano e voz, onde xa se atopaba o núcleo do que sería o seu primeiro álbum. No inverno de 2002, o neoiorquino Óscar Ybarra, recentemente instalado en Madrid, escoita o material e decide incorporarse ao proxecto. Entre os tres dan forma a un traballo que ve a luz en febreiro de 2004..
O seu primeiro disco, Marlango, ten influencias que van do rock ao jazz, da música de cabaret de entreguerras á banda sonora do cinema de David Lynch. Despois dun ano de concertos por toda España, Portugal e Xapón, recibiron de mans de Pedro Almodóvar un disco de ouro polas primeiras 50.000 copias vendidas.
En setembro de 2005 publican o seu segundo álbum, Automatic imperfection, que tamén consegue o disco de ouro en España. En 2006 fichan pola discográfica Universal, coa que publican unha edición especial do seu último álbum que goza dunha gran distribución internacional.
O 25 de setembro de 2007 saíu á venda o seu terceiro álbum de estudo The electrical morning.
Encargáronse de poñer música e voz para a campaña do Nadal do Corte Inglés, versionando o coñecido tema "My Favourite Things" que xa interpretase Julie Andrews no filme The Sound of Music. O anuncio dirixido por Federico Brugia estreouse en televisión en decembro de 2007.
Life in the Treehouse, o seu cuarto álbum de estudo, saíu á venda o 2 de marzo de 2010, coa colaboración de Rufus Wainwright, Suso Sáinz e Jorge Drexler; e veu precedido polo sinxelo "The Long Fall", cuxo vídeo musical foi dirixido por Pau Dalmases e Gerson Aguerri.
Máis eventos de tipo Concerto