Evento: Dani Polo: Volta á ilusión
Dani Polo: Volta á ilusión
O meu nome é Dani Polo e a miña paixón non é outra que o ilusionismo. Nacín nun pobo da Coruña, Melide, o cal me viu crecer como meigo ou como me gusta máis, ilusionista. Todo comezou un nadal, cando unha caixa de maxia coñecida por todos caeu nas miñas mans, aqueles pequenos secretos que escondía esa marabillosa caixa fascináronme, e a partir de aí empezou o meu crecemento no mundo da maxia. Grazas ao apoio dos meus pais, aos 9 anos teño a sorte de poder acceder a unha escola de maxia en Lugo, onde coñecerei a un mestre desta arte, o mago Rafa, que me proporciona unha aprendizaxe e asesoramento perfecto para continuar polo mellor camiño. Xa en 2010, con tan só 10 anos, prodúcese o meu debut como meigo, e nas mellores condicións, no festival Compostela Máxica, rodeando de grandes artistas aos que admiraba de pequeno.
Grazas ao apoio dun gran equipo de persoas, desde familia ou amigos a grandes profesionais, continuarei traballando e pensando en novos números e rutinas. No ano 2014 preséntome ao concurso do Festival Internacional de Maxia de Almussafes, onde obtivemos o segundo premio, foi un momento incrible para min! A partir de aquí continuo formándome e crearemos un novo acto, o cal me encanta e gozo moitísimo, co que conseguimos o Primeiro Premio no concurso do Festival Internacional de Almussafes 2017, un Premio Nacional de Maxia e diferentes mencións especiais por parte das sociedades máxicas de Francia, Italia e Latinoamérica. Máis tarde, en 2018, recibo no congreso Máxico Nacional de Francia (FFAP) o premio Ali Bongo como mago novo revelación do ano.
Ademais disto, estou moi contento de poder dirixir diferentes proxectos máxicos e formar parte da produción de dous festivais de maxia incribles, en Ames e Melide, onde podemos levar a arte de grandes meigos a toda a poboación. Tamén presentei diferentes galas e certames e colaborei en diferentes programas de radio e televisión, destacando o programa ?Pura Maxia? de Televisión Española, no cal puidemos chegar á gran final!
Actualmente non paro de traballar, de crear novos números e espectáculos, de seguir profundando nesta magnífica arte co único propósito de sorprender, divertir e ilusionar ao público.