Evento: Exposición 'Cinema e emocións'

  • Exposición "Cinema e emocións"
Exposición 'Cinema e emocións'
mércores, 22 xullo, 2020 a domingo, 10 xaneiro, 2021
Cidade da Cultura de Galicia,
Santiago de Compostela

Exposición 'Cinema e emocións'

Unha viaxe á infancia a través dos fondos da Cinémathèque française

O Museo Centro Gaiás exhibe ata o 10 de xaneiro de 2021 "Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia", unha exposición organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa", en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021. A mostra convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema e a unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no propio desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, poderanse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.

 

Son máis de 230 pezas procedentes das coleccións de La Cinémathèque française, consideradas das mellores do mundo no ámbito cinematográfico, así como dos fondos persoais de cineastas e coleccionistas.

 

A mostra que se poderá visitar no terceiro andar do Museo Centro Gaiás propón unha viaxe para percorrer o camiño de nenos e nenas nos filmes, a través de películas de diferentes xéneros e medios creativos –animación, ficción, documental…– que datan desde as orixes do cinema ata os nosos días e proveñen de distintas latitudes, o tamén que nos ofrece unha visión da historia da sétima arte e dos distintos xeitos de contar historias en diferentes culturas e contextos. A exposición desvela tamén os misterios da creación cinematográfica e as distintas formas que esta ten de xerar fascinación, de forma que a viaxe é dobre: cara aos días da propia infancia e cara aos segredos da produción cinematográfica.

 

Esta mostra afonda na liña de traballo iniciada en 2014 coa exposición Cinegalicia25 e dedicada á sétima arte, que naquela ocasión propuña no Museo Gaiás un percorrido por un cuarto de século do noso audiovisual, partindo da estrea en 1989 das tres primeiras longametraxes de ficción galegas. Os dous filmes galegos lembrados nesta exposición foron A lingua das bolboretas e Todos vós sodes capitáns, incluídos na escolma de grandes e icónicas obras da historia do cinema, onde tamén atopamos desde O ladrón de bicicletas, Tempos Modernos, Cinema Paradiso ou Os 400 golpes ás máis contemporáneas E.T. ou Parque Xurásico.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego
31 de outubro a 18 de maio
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo
27 de xaneiro a 31 de maio
Monte Gaiás, s/n