Evento: Poemas e idiomas con Ricardo Carballo Calero

Poemas e idiomas con Ricardo Carballo Calero
venres, 1 maio, 2020 a domingo, 17 maio, 2020
Evento online,
Santiago de Compostela

Poemas e idiomas con Ricardo Carballo Calero

Xogos interactivos sobre Ricardo Carballo Calero

A poesía formou parte da vida de Carballo Calero dende a mocidade ata a vellez. Imos falar de dúas das súas grandes paixóns: os poemas e os idiomas. 

Para moitas e moitos de vós esta será a primeira das viaxes; para outras, os máis experimentados, unha continuación da aventura. Sexa como for, nesta nave collemos todos. Porque estades na Primavera das Letras, a base de lanzamento da celebración do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega para os nenos e nenas que cursades infantil e primaria. Dende aquí espallamos o Día das Letras por todo o planeta, por toda a galaxia!

Nesta singradura coñeceremos a vida e a obra de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990). O autor, ao que en 2020 a Real Academia Galega dedica o Día das Letras, é unha figura indispensable para coñecer a historia da lingua e da literatura de noso ao longo do século XX. Notable poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta, publicou ademais manuais que aínda hoxe son unha referencia para os estudosos. Participou dende novo nos movementos políticos e culturais impulsados polo galeguismo, foi o primeiro catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega da historia e, xa na madurez, defendeu o achegamento do noso idioma ao portugués. Estes son só algúns apuntamentos rápidos da súa vida e obra. Para termos o carné de persoas exploradoras é indispensable completar a misión.

Podedes deseñar a vosa ruta a través das fichas descargables e as actividades interactivas. E non esquezades que tamén vos propoñemos un concurso: Contádenos o voso Día das Letras. Queremos saber como celebrades o 17 de maio nas vosas escolas. Entre todos os centros participantes sortearemos lotes de libros!

Pero todo iso será cando regresedes, cosmonautas. Agora xa non hai tempo… Comeza a conta atrás: cinco, catro, tres, dous, un…

Máis eventos de tipo Obradoiro

Iniciación á escritura creativa
15 de xaneiro a 25 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Obradoiro de cerámica castrexa
3 de maio
Museo do Castro de Viladonga
Sen cantareiras non hai foliada
12 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Contos para arrollar un enxame
20 de maio
Avenida do Burgo das Nacións