Evento: Treixadura en concerto
Treixadura en concerto
Logo de trinta anos de traxectoria Treixadura continúa a reinventarse e seguir andando camiños musicais, sempre a carón da nosa tradición.
Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.
Durante ese tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.
Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.
28 anos de gravacións e concertos, 7 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.
O grupo Treixadura está formado por:
Toniño López: Tambor e pandeireta.
César Longa: Acordeón.
Paulo Nogueira: Gaita e percusións.
Magoia Bodega: Gaita e bombo.
Xaquín Xesteira: Gaita e percusións.
Orfeón Treixadura (11 voces):
Tenores: Alberte Raposo, Toño D. Fontenla e Anxo Xesteira.
Barítonos: Antón Cabaleiro, Pablo Rei, Xurxo Raposo, Pablo Chouza e Quico Obelleiro.
Baixos: Álvaro Lamas, Gustavo Cuntín e Roi Xesteira.
Treixadura foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, entregados en decembro de 2013, como o Mellor Grupo de Música Tradicional Galega.
En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística pola súa exquisitez no tratamento musical e escénico do noso folclore e o seu traballo a prol da recuperación da música tradicional galega.
Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios


