Evento: Grabba Grabba Tape!
Grabba Grabba Tape!
Circulan por aí unha chea de lendas arredor destes dous bichos peludos, seres mitolóxicos xurdidos do fértil underground madrileño da década pasada ao abrigo do non menos mítico selo Gssh! Gssh!, no seu día casa de proxectos como Campamento Ñec Ñec, Margarita, Prisma en Llamas, Bananas, Ensaladilla Rusa ou Ginferno, por citar algúns. Non se sabe ben se son alieníxenas, bonecos de peluxe, mascotas maleducadas ou señores disfrazados. Os especialistas que respaldan esta última teoría atrévense incluso a aventurar que debaixo deses pelos están Grosman (a.k.a. Grosgoroth, vello coñecido do Liceo e debuxante de cómics tan desquiciados como riquiños) e Lolo (a.k.a. Manuel Donada, debuxante de éxito e deseñador de varios discos dos que tes -ou deberías ter- na túa casa). Outras correntes máis realistas dentro da mesma teoría sinalan a Banksy ou a Daft Punk. Sexa como fora, despois dunha década de inactividade, o día 6 levan ao Liceo a súa particular mistura de punk, vocoder e teclados illuminati.
Máis eventos de tipo Concerto