Evento: Superpoderes. David Aja e David Rubín
Superpoderes. David Aja e David Rubín
A mostra conforma un percorrido por máis de 350 obras que reflexionan sobre o símbolo do superheroe no século XXI da man de David Aja e David Rubín, dous dos artistas máis importantes do panorama actual de autores de cómic, que desenvolven a súa carreira no mercado norteamericano.
Poderase gozar dos traballos máis importantes para a editorial Marvel do valisoletano David Aja, como Inmortal Iron Fist, Haweye, Wolverine, Avengers ou Captain America. Xunto a eles, outros traballos realizados polo autor para a editorial Dark Horse, como algunhas páxinas de The Seeds, cómic que aínda non apareceu no mercado estadounidense e que os espectadores desta exposición poderán contemplar.
Baixo a firma do autor ourensán David Rubín, a mostra inclúe a obra El Héroe, unha sentida homenaxe aos cómics do pioneiro do xénero Jack Kirby e unha lúcida reflexión sobre as orixes mitolóxicas do concepto de superheroe. Tamén expón ilustracións de personaxes tan icónicos como Batman, Spirit ou Private Eye. Rubín deu o seu salto á industria norteamericana no ano 2014, onde a súa particular estética foi moi ben recibida, sendo nomeado neste ano a catro Premios Eisner.
O sábado 6 de xullo ás 11:30 horas realizarase unha última visita guiada da man do comisario da exposición Asier Mesuro.