Evento: Visita ao campamento romano de Ciadella
Visita ao campamento romano de Ciadella
O Campamento romano de Ciadella é un dos máis importantes conxuntos arqueolóxicos de época romana que se conservan en Galicia. Este campamento militar romano estivo activo entre os séculos II e IV e dispuña de todas as dependencias necesarias para o desenvolvemento das tarefas de adestramento militar e da vida diaria dos seus habitantes, desde os soldados de infantería e cabalería ata os comandos e as súas familias, así como as persoas que desenvolvían diferentes oficios nas ferrerías, curtidoiros ou fornos de pan.
Este será o escenario do concerto do grupo Sax Antiqua, no marco do ciclo Espazos Sonoros. Antes da actuación, haberá unha visita para contextualizar ao campamento, guiada por expertos técnicos do servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, responsable das escavacións e actuacións arqueolóxicas que se están a levar a cabo neste espazo.
A visita acompañará a través dos diferentes elementos que viron a luz, froito de escavacións levadas a cabo ao longo das últimas décadas, e que retoman o labor desenvolvido nos anos trinta polo historiador e arqueólogo Ángel del Río, o primeiro en apuntar a hipótese de que se trataba dun campamento e non dunha mansio viaria.
Este evento forma parte da programación de Espazos Sonoros 2018, unha proposta cultural organizada pola Xunta de Galicia para achegar á cidadanía a lugares singulares do patrimonio, a través dun programa de actuacións de música e visitas.
Non precisa de inscrición previa.