Evento: Os monos de Laxeiro

  • Laxeiro nunha imaxe de 1970 | Fonte: Fundación Laxeiro
Os monos de Laxeiro
venres, 22 xuño, 2018 a domingo, 16 setembro, 2018
Fundación Laxeiro,
Vigo

Os monos de Laxeiro

Mostra sobre a obra humorística na prensa do célebre artista

A Fundación Laxeiro reúne por primeira vez nunha exposición todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, en concreto nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. A mostra está composta de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal das viñetas e respectando a cor de fondo do papel de periódico. Cada viñeta vai enmarcada de forma individual e tanto os textos dos diálogos como a referencia do medio e día de publicación van impresas dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e, por tanto, sen adaptar ao galego normativo de hoxe. O comisario é o profesor Manuel Igrexas, quen xa fixera investigacións sobre o humor gráfico de Laxeiro.

Debido a que os debuxos orixinais están perdidos, optouse por facer reproducións fotográficas, tomadas directamente das páxinas dos periódicos, grazas á colaboración de Faro de Vigo e do Arquivo Municipal de Vigo, que posibilitaron o acceso á documentación orixinal. Unha vez realizadas as fotografías, contouse coa colaboración de Lab_in arte múltiple na busca da forma de impresión e do papel máis axeitados.

O resultado é unha colección de corenta e nove cadros, todos do mesmo tamaño, a través dos que o público se pode achegar a esas viñetas, imaxinando o seu aspecto orixinal cando foron publicadas na prensa hai xa noventa anos e percorrendo a evolución, tanto formal, como nos contidos do entón artista debutante José Otero Abeledo, Laxeiro.

Co gallo da exposición, a editorial Laiovento, publica o libro homónimo, no que reproduce a totalidade das viñetas acompañadas ademais con textos asinados por Manuel Igrexas, Félix Caballero e Javier Pérez Buján.

Máis eventos de tipo Exposición

O Vello Cárcere da Guerra á Posguerra
1 de xaneiro
O Vello Cárcere
Porta Miña
1 de xaneiro
Porta Miña
Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia
8 de novembro a 31 de maio
Lugar de la Ciudad de la Cultura