Evento: Onde está o mago Antón?
Onde está o mago Antón?
Autor, director e elenco: Antón Rodríguez
Despois de doce anos nos que mantivo unha actividade intensa de produción de eventos e espectáculos máxicos, facendo só puntuais intervencións nos escenarios, o Mago Antón volve á primeira liña da escena para presentar, en tres formatos diferentes e pensados para distintos espazos de intervención, o seu novo espectáculo Onde está o Mago Antón?
Esta nova produción supón unha volta ás súas orixes nas artes escénicas cun espectáculo caracterizado pola recuperación dalgún número dos inicios da súa carreira (entre outros a ventriloquia coa presenza do seu boneco, o labrego Facundo), e a incorporación dalgunhas das súas últimas e renovadoras creacións nas distintas especialidades máxicas: aparicións, desaparicións, levitacións, transformacións, mentalismo, manipulacións, cartomaxia etc.
Máis dunha hora de espectáculo concibido para todo tipo de público (de todas as idades e moi axeitado para grupos familiares: pais e nais, avós e avoas, cativada…) no que se suceden a un ritmo trepidante ducias de xogos de maxia, todos eles de creación propia do Mago Antón.