Evento: Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas
A MITCFC leva 34 anos transformando Cangas e o seu particular patrimonio arquitectónico nunha vila-teatro que exhibe espectáculos nos máis variados espazos posibles: desde praias, xardíns e grandes espazos ata adros, capelas ou pequenas prazas nas que acoller a milleiros de espectadores de todas as idades e procedencias xeográficas, reforzando así a aposta desta Mostra de que as vivas artes escénicas invadan a vida cotiá da vila.
Nesta 34 edición continúan as propostas escénicas dirixidas ao público máis novo e inquieto e consolídase a Capela do Hospital como un espazo de referencia onde celebrar espectáculos performativos, mestizos ou fronteirizos, creados polas novas xeracións de artistas co ánimo de achegar as súas creacións a todos os públicos, facilitando así o acceso ás diferentes vertentes estilísticas das artes escénicas.
O programa composto por espectáculos internacionais, galegos e doutras autonomías, conta tamén cun bo número de actividades paralelas como cursos, exposicións, proxeccións, debates, encontros, presentacións, lecturas dramatizadas, o xa clásico Revoltallo ou a XXXI edición do Premio Xiria ao Labor Teatral.
Este ano engádese unha idea pioneira en Galicia, a celebración do I Torneo de Dramaturxia Galega, actividade que nace da man da Asociación Galega de Dramaturxia, e que ten como obxectivo conectar ás nosas autoras/es co público do festival e dar a coñecer a riqueza da nosa dramaturxia e da nosa lingua.
É sabido que a MITCFC é un referente autonómico e estatal en materia de igualdade de xénero, sendo a primeira mostra do estado que impulsou e aplicou o principio de paridade, mesmo desde antes do nacemento das leis galega e estatal de igualdade. Así, a unha programación totalmente paritaria, súmaselle os dezasete anos de vida de Mulleres Acción e a sexta edición do Premio que leva o mesmo nome.
Trinta e catro anos construíndo espazos, creando públicos, impulsando novas formas, promovendo a pedagoxía e os encontros profesionais, aplicando transversalmente o principio de igualdade, coproducindo espectáculos e non perdendo de vista o noso obxectivo principal, comunicar con HUMOR.
Máis información, neste enlace: http://www.mostrateatrocangas.org/index.php?option=com_zoo&view=category...
Máis eventos de tipo Festival