Evento: Que se agocha tras o pano?
Que se agocha tras o pano?
O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá coa cidadanía a celebración do Día Mundial do Teatro, que terá lugar o vindeiro luns 27 de marzo, cunha xornada de portas abertas na súa sede do Salón Teatro, en Santiago. Esta acción divulgativa busca achegarlle ao público tanto a historia deste edificio da zona monumental de Compostela, como as engrenaxes que se poñen en marcha tras o pano cara á escenificación dun espectáculo.
Con tal fin, organizarase un total de sete visitas guiadas en horario de mañá (10.00, 11.00. 12.00 e 13.00 h) e de tarde (17.00, 18.00 e 19.00 h), gratuítas e axeitadas para todos os públicos. As prazas limítanse a 10 persoas en cada quenda e adxudicaranse por orde de solicitude entre as persoas que se inscriban a través do teléfono 881 867 226 / 228, en horario de 9.00 a 14.30 h, ou no correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.
A continuación, os grupos percorrerán as diferentes dependencias técnicas do teatro (cabina, xastrería, camaríns...) e accederán aos espazos entre bambolinas, onde nestes momentos se está a traballar na produción do novo espectáculo do CDG, ‘Martes de carnaval’, baixo a dirección de Marta Pazos. Nas quendas de mañá, os participantes terán ademais a oportunidade de se asomar desde o patio de butacas aos ensaios en escena desta primeira versión en galego das obras de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, que a compañía pública estreará aquí o xoves 20 de abril.
As visitas finalizarán na biblioteca do Salón Teatro, onde se realizará o sorteo dun agasallo entre os participantes, consistente nun exemplar da antoloxía teatral ‘40 anos daquel Abrente’ e outro de ‘Tartufo’, primeiro número da nova colección de publicacións do Centro Dramático Galego.
Máis información, aquí.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso