Evento: Panorama das iniciativas culturais na rede
Panorama das iniciativas culturais na rede
A cultura e os contidos culturais son un eixe central do consumo e do uso de Internet na actualidade, tanto en Galicia como noutras partes do mundo. O abaratamento de custes e as facilidades de acceso posibilitan que nos últimos anos observemos en Internet un importante incremento de cibermedios e servizos culturais iniciados con accións de emprendemento, por individuos ou pequenos equipos que exploran un espazo non só de lectores, senón de sustentabilidade económica e social. Esta xornada quere ofrecer unha visión actual das iniciativas culturais na rede en Galicia, coñecer os mecanismos que empregan para o seu funcionamento, e contextualizalas no ámbito internacional.
Para isto conta coa presenza dos investigadores Joao Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, Hakan Casares (Consello da Cultura Galega), Alberto Marinelli (Università da Sapienza, Roma) e Andreu Casero Ripollés (Universitat Jaume I, Castellón), de representantes de experiencias galegas sostibles (Praza Pública, Galicia Confidencial, Semos Galiza, Campo Talego, Teo Vivo, Que pasa na costa) e unha panorámica de revistas culturais dixitais da man de Alfredo Ferreiro (Palabra Comum), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música).
Consultar o programa completo aquí.