Evento: Festas Patronais de San Roque
Festas Patronais de San Roque
O día máis esperado das festas de Vilagarcía de Arousa é o 16, festividade de San Roque, data na que conflúen dous dos máis soados actos: a procesión do santo, de tradición secular, e a Festa da Auga, nacida nos anos 80 de forma espontánea e xa con recoñecemento institucional. Deste xeito, a programación do día comeza coa misa solemne e a multitudinaria procesión do Santo, que, lonxe do recollemento que adoita caracterizar estes actos, aquí ten unha compoñente moi festiva, pois o percorrido se fai baixo as notas do pasodobre "Triunfo" e ata se fai bailar ao santo.
A localidade está preparada para o que vén a continuación: unha vez o santo é introducido na capela dáse o sinal para que se inicie unha auténtica guerra de auga. Ten lugar nunha ampla e acoutada “zona húmida” e nela participan ata as mangueiras dos camións de bombeiros.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

