Evento: O Oenach Atlántico
O Oenach Atlántico
Trátase dunha recreación dunha aldea castrexa e conforma un evento multidimensional con base etnográfica e antropolóxico-cultural que tenta recrear as raizames da cultura e xeitos de vida rurais a partir da cultura castrexa. O festival Oenach emprega unha didáctica museística dinámica e viva, centrada na veciñanza da parroquia de Sedes como dinamizador esencial.
O Oenach Atlántico nace na localización da parcela da Feira do Trece, con centos de anos de antigüidade, de gran relevancia na comarca e que durante o florecemento das feiras da segunda metade do século XX chegou a congregar a máis de 23 mil persoas ao longo dos dous días que duraba. Era un lugar de encontro no territorio das comunidades veciñais que nese espazo trocaban e comerciaban, realizaban tratos e pactos e resolvían conflitos, ao tempo que fortalecían os vínculos familiares e veciñais, celebraban xogos e desenvolvían rituais máxico-relixiosos colectivos.
O Oenach inclúe diversas actividades como o acendido do lume, que consiste no acendido de lumes naturais dentro de cuncos de ferro e mais a realización dun espectáculo musical de dúas horas no que se mestura a danza e que se celebra no lusco-fusco do primeiro día.