Evento: Festival dos Eidos
Festival dos Eidos
O Festival dos Eidos celebra a súa décima edición entre o venres 29 e o domingo 31 de agosto na casa natal do poeta Uxío Novoneyra en Parada do Courel. Esta programación organizada pola fundación que coida o seu legado convoca anualmente a unha ampla comunidade de lectores e amantes deste libro cumio da literatura galega, especialmente identitario para os habitantes da montaña luguesa: Os Eidos. Libro do Courel. Obra poética clásica, publicada por vez primeira en Galaxia (1955) cando o poeta acababa de cumprir 25 anos, e para a que continuou escribindo durante toda a súa vida, compoñendo un libro en proceso que creou un territorio literario e identitario sostido por unha comunidade lectora interxeracional. Nesta última década, coa forte proxección da poesía galega noutros sistemas literarios, sumáronse lectores do Libro do Courel doutras outras comunidades lingüísticas a través de traducións ao inglés, ao italiano e o xaponés.
Entre os poetas convidados a recitar nesta nova edición atopamos a Isolda Santiago, Jaume Coll Mariné, Oriana Méndez, Ildefonso Rodríguez, Inés López, Xabier Cordal, Nieves Neira, Petra Bauman e Mohamad Bitari. Este último está a preparar unha antoloxía d’Os Eidos que dará a coñecer a cerna da poesía de Novoneyra no mundo árabe grazas a Residencia ‘Escrita no Remoto’ que a FUN organiza co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo.
Ademais de conversas poéticas e recitais, outro momento destacado, que acontecerá o domingo 31 ás 12h no curral da sede da FUN, será a presentación dunha nova edición revisada da biografía do poeta, A distancia do lobo, a cargo de Antón Lopo, biógrafo e editor, acompañado polo escritor e xornalista Manuel Jabois.
O venres ás 18:00h. poderase asistir á proxección audiovisual de Nacenza, do proxecto fotográfico de Amador Lorenzo acompañado coa sonorización gravada nunha soa toma a cargo do contrabaixista Juyma Estévez, un retrato inspirado na vida dos habitantes do Macizo Central de Queixa-Manzaneda.
Non faltarán as rutas patrimoniais de ‘Avistamento de paxaros’ que aparecen nomeados nos poemas do Libro do Courel, que descubriremos na ruta decana da programación do festival guiada polo biólogo Xavier Pumariño, e unha ruta pola ‘Arquitectura de Parada’ guiada polo arquitecto Xosé Allegue, que despregará unha lectura das edificacións da aldea natal do poeta e porá en relación os topónimos e tipoloxías arquitectónicas que aparecen nos poemas d’Os Eidos.
As tres xornadas xornadas do festival gozarán de actuacións musicais na horta da Casa da Fonte, como denominan os veciños de Parada a casa natal de Novoneyra. Os grupos convidados a construír o espazo sonoro desta décima edición son: Furada, Moura, Lobeira, Loita Amada, Son de Corda e a cantante Nerea Vilaboa, que intervirá cunha acción musical para abrir a programación desta décima edición. As xornadas do venres e o sábado pecharán coas sesións dos Dj’s residentes nos Eidos, Tristón e Canay & Jimeno, e o sábado 30 ás 13:00h gozarase dunha escoita homenaxe ao recentemente finado Emilio Cao, emblemática figura musical e estreito colaborador de Novoneyra, xa que xuntos colaborarán no disco Amiga Alba e Delgada, un fito da música galega dos anos oitenta.
A décima edición do certame forma parte da programación de estío ‘Para gustos, cultura’ con 3.400 actividades espalladas por máis de 200 concellos
Máis eventos de tipo Festival