Evento: Paleontoloxía
Paleontoloxía
Paleontoloxía é un ritual de invocación, unha homenaxe póstuma, un exercicio de memoria colectiva. A creadora achéganos a paisaxe da súa infancia e os clarescuros da súa orixe. Co mono de traballo posto, escarva nos ósos dos seus devanceiros e desenterra as raíces da súa poética. Asistimos neste espectáculo a un fermoso paseo por unha orografía familiar onde o home traballa na madeira, a muller escorbella verduras e a nena observa. Esta tríade invítanos a atravesar o limiar dun espazo atemporal onde todo é posible. Os avós poñen a lingua, a neta a palabra.
Paleontoloxía é un espectáculo inédito no que a poesía e o teatro conviven coa performance. Ten a súa xénese no poemario homónimo de Fátima Delgado que Belagua Ediciones publicará na primavera de 2025. O proceso de investigación escénica puido desenvolverse grazas ás Bolsas ETC (Espacio Teatro Contemporáneo) unipersonais da Sala Cuarta Pared de Madrid cos mentores: Julián Fuentes Reta, Borja Ortiz de Gondra e Monika Rühle. Fátima foi unha das cinco artistas residentes dende outubro de 2022 a decembro de 2022. O seu traballo consistiu en facer unha exploración intensiva de materiais cunha mostra aberta do work in progress na sala Cuarta Pared dentro do Festival Essencia 2022. O espectáculo céntrase en tres aspectos esenciais do libro: a paisaxe, a orixe e memoria.
A paisaxe: Valdeorras e o seu rural. A orixe: a tradición galega. A memoria: a xenealoxía familiar.
Máis eventos do ciclo Cultura no Camiño



