Evento: Presentación do libro “Impugnar las normas. Intervenciones sobre arte, cine y política”, de Pere Portabella
Presentación do libro “Impugnar las normas. Intervenciones sobre arte, cine y política”, de Pere Portabella
O cine de Pere Portabella é indisociable da arte e da política. Son disciplinas que se conxugan e retroalimentan desde unha actitude común: impugnar as normas, as sociais mais tamén as estéticas. Este é xustamente o título dun volume que reúne decenas de textos escritos polo autor durante sesenta anos, desde os seus inicios como produtor ata a actualidade. Inclúense artigos en diarios e revistas, presentacións das súas películas, prólogos de libros e catálogos de exposicións, conferencias, así como algunhas das súas intervencións como senador ou deputado durante as primeiras lexislaturas da democracia. Do mesmo xeito que o cineasta se preocupou por preservar a súa obra para garantir a súa difusión pública, agora chega a quenda dos seus escritos. Nesta edición prologada e anotada por Esteve Riambau, os textos articúlanse en tres grandes bloques: a oposición ao franquismo, os primeiros anos da democracia e o regreso ao cine tras Pont de Varsòvia, sen esquecer unha especial atención cara ao papel da cultura en Europa. Sen xamais separar a arte e a política do cine, xorden sinerxias e confrontacións que ofrecen un retrato moi fidedigno do pensamento de Portabella, á súa vez sustentado sobre interaccións con personaxes tan ilustres como Luis Buñuel, Josep Tarradellas, Joan Brossa, Antoni Tàpies, Joan Miró ou Carles Santos.
Con proxección posterior do documental Constelación Portabella.
Máis eventos de tipo Proxección audiovisual