Evento: QUE PINTAS NESTA FESTA? Un obradoiro de debuxo e acuarela para xente festeira

QUE PINTAS NESTA FESTA? Un obradoiro de debuxo e acuarela para xente festeira
sábado, 29 xuño, 2024 - 11:00
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

QUE PINTAS NESTA FESTA? Un obradoiro de debuxo e acuarela para xente festeira

Este taller, en colaboración co barrio de San Pedro, propón unha incursión nas súas festas a través dunha visita debuxada. Unha exploración do barrio guiada pola relación entre a observación e o bosquexo.

Iniciaremos a xornada cunha aula teórica con proxección de imaxes e trataremos técnicas de debuxo rápido. A continuación, sairemos a debuxar cunha proposta de encadre e acomodarémonos nunha localización que nos faga partícipes das festas: unha terraza de bar, un banco de rúa, un portal, o chan… En caso de choiva, teremos prevista unha localización alternativa con vistas á rúa.

Pasearemos e rexistraremos rúas, edificios e persoas a través do apuntamento rápido a cor. Usaremos acuarela, rotuladores e pinceis sobre cadernos de man.

Observaremos desde diferentes perspectivas como a rúa muda de estado e de humor ao longo da mañá e como se viste de festa. Poremos especial atención nas emocións vibrantes ou recollidas que desprende o ambiente. Este será o material de traballo da nosa pintura.

Proporemos ópticas diferentes e distorsionadas para que cada participante realice o seu debuxo de rúa: unha perspectiva única, un marco de encadre, gafas con filtro de cor, gafas calidoscópicas, lentes borrosas…

Sabemos que cando debuxamos vemos máis. Ao abordar este exercicio, a mirada amplíase e concéntrase. Afinamos a percepción, decatámonos dos detalles e achegámonos á artista ou ao artista que levamos dentro. A experiencia ofreceranos novas caras e diversas miradas e modos de interpretar estas populares festas.

MATERIAL: Entregaremos papel e soporte para o traballo. As persoas participantes deberán traer acuarelas, pinceis, un bote para a auga e un rotulador de punta fina tipo Rotring resistente á auga para poder combinar coa acuarela.

PRAZO DE INSCRICIÓN: do 3 ao 21 de xuño de 2024

DIRIXE E IMPARTE:

MARÍA MEIJIDE (Santiago de Compostela, 1978) é licenciada en Belas Artes coa especialidade de Pintura pola Universidade de Sevilla. Cursou un mestrado en Pintura na Facultade de Belas Artes da Universidade Lisboa cunha tese de fin de mestrado titulada Intimidades próprias e alheias. Sobre a pintura de cenas de interior. Cursou o mestrado de Obra Gráfica da Fundación CIEC nos módulos de serigrafía, litografía, calcografía e xilografía.

É unha artista plástica consolidada no panorama galego, especializada en pintura figurativa de gran formato e cadernos de viaxes. O seu traballo é vivo, colorista e de trazo autobiográfico, cunha ampla traxectoria en proxectos expositivos nacionais e internacionais.

Publicou dous cadernos de viaxes de gran percorrido e unha cartografía emocional de Compostela. A súa última publicación é unha peza en formato caderno, Autobiografía cuantificada ou que difícil é ser maría meijide, coeditada por Tulipa Editorial.

Recentemente foi galardoada co Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez na súa décimo sexta edición.

Máis eventos de tipo Obradoiro

Campamento infantil de verán
24 de xuño a 6 de setembro
Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
Ludobiblio Cempés
24 de xuño a 6 de setembro
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
Obradoiro de robótica e creación de contido dixital audiovisual
1 de xullo a 27 de xullo
Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
Obradoiro MAKER + edición dixital
1 de xullo a 30 de agosto
Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel