A bailar!
Espectáculo de animación interactiva con xogos, bailes divertidos, cancións cantadas en directo, moneco xigante, batalla de gobos xigantes, explosión de confeti, concurso de baile con premio para o gañador e un montón de sorpresas.
A sexta edición de Cultura no Camiño desenvolverase do 16 de abril ao 30 de setembro nun total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.
O programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela desprega unha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas. Artículase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.

Espectáculo de animación interactiva con xogos, bailes divertidos, cancións cantadas en directo, moneco xigante, batalla de gobos xigantes, explosión de confeti, concurso de baile con premio para o gañador e un montón de sorpresas.
"O que non se ve" representa a través da danza a forza e a loita da muller na sociedade actual. Unha mestura de danza tradicional e comtemporánea, que pretende mostrar o que existe debaixo das vestimentas tradicionais e no interior das mulleres do noso país. Con esta obra, imos un paso máis alá (Et Suseia), para conxugar estilos moi diferentes, pero á vez con moito en común. Aportamos tamén unha nova sonoridade nas melodías que acompañan o espectáculo, e mergullándonos na percusión tradicional pero enfocándoa cara un aspecto máis actual.
Pituquito é un rapaciño novo, leva cascos nas orellas a meirande parte do día para non perder as novidades na música ou mesmo das publicacións das súas amizades nas redes. Un adolescente que desfruta do parque, do cine, dos amigos, da “pituquita”…
Nesta viaxe de apertura ao mundo dos adultos vai atopando incongruencias entre o que lle din que é o bo facer e as súas vivencias dacotío cos mesmos adultos.
Cheo de inocencia, autoestima e rebeldía, loitará contra a avaricia, contra quen pretenda destruír a natureza ou menguar a liberdade das persoas do mundo mundial.
TRAS O ÉXITO DO ESPECTÁCULO DO MAGO TETO "TOLEMAXIAS" SURXEN AGORA AS "NOVAS TOLEMAXIAS"
¨AS NOVAS TOLEMAXIAS” do Mago Teto é un espectáculo onde o mago intenta facer realidade os seus soños, son unha serie de ilusións na busqueda de ofrecer algo máis ca unha serie de trucos, buscan chegar ás emocións dos asistentes.
Rogelio leva vinte anos pechado na súa casa. É un pallaso en recuperación. Despois de ler a Paulo Coelho e seguir unha terapia de doce pasos atópase no último chanzo. Paso número doce: Ser quen de facer en público o que máis lle gusta: A maxia. Rogelio, un pallaso en recuperación é unha entrañable historia de autosuperación para os que non sempre gañan, ou dito de outra maneira para os perdedores. Este divertido espectáculo de clown para todos os públicos pon sobre o escenario un dos grandes retos da humanidade: ser quen de rirnos de nós mesmos.
Canta, Buguina, canta!
Soprando a nosa buguina, comezaremos a nosa viaxe nun Barquiño de Pau. Veremos illas onde viven caracois, galiñas poñedoras e vacas. Regaremos a herba. Xogaremos coa marea que sobe e baixa. Cantaremos cancións de ghavotas e moverémonos coma nécoras.
E incluso daremos unha volta baixo o mar.
Barquiño de Pau é un espectáculo de teatro de obxectos e música para a primeira infancia. Exploramos os sentidos dunha maneira amena, coa participación das crianzas, con diferentes texturas coma os módulos de papel estraza ou as esponxas naturais.
Reciclaxe, humor, medio ambiente, espectáculo, lixo, participación do público…
Neste espectáculo didáctico, en chave de humor, clasificaremos todos estes xéneros no seu correspondente contedor para obter unha forma diferente, e sobre todo divertida, de aprender a importancia da reciclaxe.
Unha experta en reciclaxe terá que ensinarlle ó seu novo e torpe axudante tódolos segredos da separación de residuos e para iso contará coa axuda do público.
Co canto dos grilos como fío condutor, e acompañada da música orixinal de Vadim Yukhnevich, María García vai debullando historias onde a fraxilidade se torna afouteza, onde a cobiza crea incomunicación ou onde a imaxinación protexe da soidade. Fábulas que falan da natureza humana e dos seus paradoxos.
Ser diferente aos demais non debe avergoñar a ninguén, o importante é cómo xestionar esas diferenzas para afrontar o futuro. En CUACAC!, atopámonos cun personaxe torpe e caótico que amósa mediante as técnicas do slapstik (golpes, caidas, acrobacia excéntrica...), a manipulación de obxectos e a acrobacia aérea, un personaxe con grandes dificultades para facer o que se espera del. No desenvolvemento da peza navegará xunto cos espectadores por un mar de emocións soltando amarras onde as suas debilidades se transforman nas suas fortalezas.
"AWESOME!". Revista Rolling Stone
"NUNCA TAL VICHES". La Voz de Galicia
"PARECÍA UNHA CHAVALA NORMAL". Veciña
Conexións Có(s)micas enlaza premisas que non se conectarían en ningún outro cerebro.... ata que chega Diana!
Gayoso e Madonna? Benetton e o Carnaval en Cabo de Cruz? A trascendencia e os chocapics?
Unha hora de humor absurdo onde non faltan referencias á vida cotiá, feito coa enerxía dunha muller brava nacida á beira do mar.