A sexta edición de Cultura no Camiño desenvolverase do 16 de abril ao 30 de setembro nun total de 103 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia.
O programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela desprega unha carteleira de 342 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 146 formacións artísticas galegas. Artículase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.
Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que Aldaolado recitan no seu novo espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso.
Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.
Durante ese tempo o grupo foi modelando o seu camiño, transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.
Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.
Tras tres discos, Al Vila presenta o que será o seu novo traballo, Mil novecientos noventa y seis. O pop dá paso a unhas cancións con moita máis pegada, que rozan o rock pero que conservan o fondo, as letras e a sensibilidade das cancións que levaron a Al Vila a facerse co premio Rolling Stone ao cantautor emerxente con máis proxección do ano 2013.
Contos de María Victoria Moreno forman gran parte do repertorio deste Babacontos. Utilizando as ferramentas da narración oral tradicionais, coñeceremos algunhas das historias do libro Mar adiante, así coma contos/poemas de Eu conto, ti contas, e o amor que a autora tiña aos canciños e tantos outros animais, da man da actriz Larraitz Urruzola.
Picadiscos María Faltri é unha proposta de María Faltri (compoñente do grupo de Folk Faltriqueira, voz en A Nena e o Grilo nun Barquiño, Gatuxo de Magín Blanco e creadora e voz do proxecto Fantasía coas palabras xunto con Jorge Juncal). Este espectáculo propón 55 minutos de diversión.
María fai un repaso polos grandes éxitos da música infantil galega á vez que fai coreografías e animación para que os nenos e nenas non deixen de divertirse. Con ela leva unha biblioteca que os nenos e nenas poden ollar!!!
Mamá Cabra é un grupo de música infantil que iniciou a súa andadura no ano 2000 da man de Gloria Mosquera Roel, preparando cancións para as súas clases de Educación musical. Desde ese momento leva editados 10 traballos.
Empezaron coa idea de facer un disco: Cantos rodados, de dez temas que se baseaban en poemas de autores como Antonio G. Teijeiro, Concha Blanco, Ana María Fernández e Gloria Sánchez, para evolucionar a un espectáculo no que se artellan xogos para compartir un momento de ritmo, canto, audición e sobre todo movemento musical.
Tres trogloditas convídannos a entrar no primeiro teatro da prehistoria: a cova, onde asistir a un cómico espectáculo cheo de humor e tolería. Da man dos Monicreques e das súas primitivas habilidades imos coñecer a singular forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos.
Unha sorprendente ambientación, a orixinal linguaxe e unha prehistórica escenografía farán que o espectador perda durante a representación o sentido do tempo e do aburrimento.