Catálogo de Oito espazos para sete miradas

Catálogo da mostra, exposta na Casa da Parra, que se achega a través da fotografía ao patrimonio cultural do Norte de Portugal.
A través da obra de sete persoas profesionais da fotografía asentadas na elite portuguesa desta arte do noso tempo. Cinco fotógrafos e dúas fotógrafas que achegan a súa sensibilidade e a súa calidade técnica para tomar a esencia dos oito templos da Rexión Norte que constitúen o eixe temático desta colección de imaxes.
As súas creacións remiten á esencia dun pobo veciño do galego, co que Galicia mantén puntos moi importantes de encontro e vencellos. Tamén se admira nesta mostra o xeito en que se expresa a súa identidade, con forza propia, e cunha compoñente esencial que se manifesta na súa arquitectura histórica, no seu valioso legado patrimonial.
No marco do memorando de entendemento asinado en abril de 2015 entre a Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, chegan a Galicia estes “oito espazos” á Casa da Parra, coma un tesouro da imaxe contemporánea, pero tamén como un motivo novo para sentirse máis próximos aínda neste camiño de irmandade que compareten estas dúas beiras do Miño.

Documentos relacionados