Aviso: Incóase o procedemento para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal
Incóase o procedemento para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución do 4 de setembro de 2018, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal.
Este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo, respectivamente, desde finais do século XIX ata a década dos anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social, a moda, etc desta zona da Costa da Morte, podéndose, deste xeito, documentar paisaxes, arquitecturas, persoas desenvolvendo actividades profesionais ou lúdicas.
Este fondo, integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías, sendo innegable a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social, de historia da arte ou das mentalidades, polo que se propón a incoación do expediente de declaración como ben de interese cultural como colección do Arquivo Fotográfico Vidal, tal como se establece no artigo 11 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.