Aviso: Comezo do proceso de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble da rúa Gómez Ulla, nº7, Santiago de Compostela

Comezo do proceso de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble da rúa Gómez Ulla, nº7, Santiago de Compostela

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, como monumento, do inmoble sito no número 7 da rúa de Gómez Ulla do concello de Santiago de Compostela.

O edificio obxecto desta catalogación é unha testemuña representativa da arquitectura da época da Autarquía en Santiago de Compostela. O estilo do inmoble é singular, xa que ten influencias da arquitectura do Movemento Moderno e do Academicismo. A técnica construtiva tamén é singular e característica desta época de penuria económica, combinando materiais modernos como o formigón armado con formas expresivas máis propias do século anterior. A calidade do proxecto está avalada polo feito de que o seu autor, José María Banet y Díaz Varela, sexa un dos arquitectos composteláns máis prolíficos e recoñecidos do segundo terzo do século XX, pertencendo este edificio á época en que construíu varias das súas obras máis representativas e que moitas delas están incluídas no Catálogo de protección dos bens con valor cultural do vixente PXOM de Santiago de Compostela.

Comparte