Arquivo do Reino de Galicia

O Arquivo do Reino de Galicia créase no ano 1775 por Real Orde de El-rei Carlos III de 22 de outubro. A súa orixe remota está vencellada á da Real Audiencia de Galicia, institución creada polos Reis Católicos, e ás disposicións que Carlos V e a súa nai, dona Xohana, dan a principios do século XVI para que se conservasen os preitos e expedientes da Audiencia.

A súa sede actual é un edificio situado nos Xardíns de San Carlos, na Coruña, proxectado polo arquitecto coruñés Antonio Tenreiro. Anteriormente o Arquivo estivo emprazado no Pazo de Capitanía Xeneral e, entre 1936 e 1955, no soto do Pazo de Xustiza, sede da Audiencia Territorial na mesma cidade.

É no século XX cando o centro acada de xeito nidio a súa función de Arquivo Histórico de Galicia.