Anteproxecto de Lei do patrimonio cultural de Galicia

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o 13 de novembro de 2015 o anteproxecto de Lei do patrimonio do cultural de Galicia, logo de superar o trámite de audiencia e información pública, e de se someter aos informes sectoriais preceptivos.

O texto aprobado será elevado á Cámara autonómica para o seu debate e tramitación parlamentaria.

Trámite de audiencia e exposición pública
Para dar cumprimento ao disposto no artigo 9 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no artigo 7 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia e no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo a disposición pública o anteproxecto de Lei do patrimonio cultural de Galicia desde o 5 de xuño ata o 8 de xullo de 2015.

As organizacións, as asociacións e a cidadanía, en xeral, puideron facer as proposicións, as suxestións ou as recomendacións por medio do documento denominado “modelo alegacións anteproxecto de lei”, a través do enderezo electrónico patrimonio.cultura@xunta.es, ou mediante as formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.