Nova: O Mosteiro de San Martiño Pinario será BIC

04/11/2019

O Mosteiro de San Martiño Pinario será BIC

Román Rodríguez subliña o "carácter sobranceiro" de San Martiño Pinario que inicia o camiño para ser declarado BIC

O conselleiro de Cultura e Turismo e o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez, reuníronse para analizar as novidades na xestión patrimonial deste monumento

O DOG publica hoxe a incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural este mosteiro bieito coa previsión de concluílo no Xacobeo 21

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o reitor do Seminario Maior da Arquidiocese de Santiago, Carlos Álvarez, reuníronse esta mañá en San Martiño Pinario para analizar as novidades na preservación e salvagarda deste monumento. Na mesma, o titular de Cultura explicoulle ao responsable eclesiástico que o DOG vén de publicar hoxe a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Mosteiro de San Martiño Pinario, o conxunto barroco máis valioso do Galicia.

A partir deste momento aplícase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio cultural de Galicia para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular. Ademais, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir de mañá, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

En último caso, xa como Anexo III da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicada no Diario, para garantir a súa protección e recoñecer o valor cultural de Pinario, identifícase a relación de bens mobles relacionados coas diferentes etapas históricas do monumento e proponse a clasificación como ben mobles catalogados de preto de 200 elementos con valor cultural, histórico e artístico.

Esta declaración ha servir tamén para delimitar o contorno para a súa protección doutros BIC declarados con anterioridade. En concreto, definirase o contorno da Catedral metropolitana, a Igrexa de San Francisco de Valdedeus, o Hospital Real e a súa capela, o Pazo arcebispal de Xelmírez, a Biblioteca Pública Ánxel Casal e as sedes do Museo de Peregrinacións e da Cidade de Santiago de Compostela, bens declarados de interese cultural entre 1896 e 1985, pero que non contan cun contorno de protección específico.

Corazón patrimonial de Compostela

O conselleiro destacou o “carácter sobranceiro” de San Martiño Pinario e explicou que se trata dun “conxunto histórico-artístico de enorme magnitude no corazón da nosa capital, que xogou e xoga un papel moi importante no desenvolvemento territorial do centro de Galicia” e, así mesmo, recoñeceu o traballo que desde a Arquidiocese compostelá se vén realizando “para abrir San Martiño Pinario á sociedade”.

Ademais, a preguntas dos medios de comunicación, Román Rodríguez lembrou que esta iniciativa normativa se suma ao convenio asinado o pasado mes de xullo entre a Xunta e a Arquidiocese para a posta en valor de San Martiño Pinario. “Un convenio ‒lembrou o consellerio‒ centrado en tres ámbitos de actuación diferenciados: patrimonial, turístico e cultural”, que conta cun investimento de 625.000 euros e servirá para rehabilitar o monumento, mellorar os servizos de atención a turistas e peregrinos e ampliar a oferta cultural na meta do Camiño de Santiago.

Orixes asociadas ao culto xacobeo

O mosteiro de San Martiño Pinario é un dos conxuntos histórico-artísticos máis impresionantes de España. Constitúe a segunda construción relixiosa meirande na súa tipoloxía só por detrás do gran proxecto de Felipe II, O Escorial. As súas orixes remóntanse aos primeiros anos do século X e están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando, precisamente, a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais.

O primeiro elemento arquitectónico edificado no solar de Pinario foi o claustro, cunha comunidade de monxes aínda moi ligada á Igrexa de Santiago da que, paulatinamente se distanciará até chegar a conformar as novas instalacións e unha comunidade diferenciada daquela, para converterse en mosteiro bieito entre 1070 e 1080, baixo o goberno do abade Adulfo.

Centro monástico de referencia

A partir do século XII o mosteiro viviu unha época de auxe que o levou a converterse no máis rico e poderoso de Galicia, con rendas en toda a rexión e uns ingresos cuantiosos. Logo dunha fase de decadencia económica nace o mosteiro moderno de San Martiño, xurdindo da suma das tres abadías medievais estreitamente vinculadas ao culto de Santiago: Pinario, Antealtares e San Pedro de Fóra, consolidando deste xeito unha comunidade bieita, grazas ás encomendas dos Reis Católicos para garantir a atención aos peregrinos.

En resumo, o mosteiro bieito de San Martiño Pinario é un dos centros monásticos máis importantes das comarcas centrais galegas, referente na súa organización social, espiritual, económica, política e cultural ao longo da súa historia, e centro dunha profusa actividade vinculada ao coñecemento que continúa nos nosos días, en especial polo seu labor como Seminario e centro docente.

Comparte