Nova: O Centro Ramón Piñeiro homenaxea ao profesor, crítico e investigador Luís Alonso Girgado

20/09/2019

O Centro Ramón Piñeiro homenaxea ao profesor, crítico e investigador Luís Alonso Girgado

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto celebrado hoxe no Pazo de San Roque con motivo da xubilación deste mestre de mestres no eido da filosofía

No acto presentouse o volume ‘Ler e vivir’, que recolle unha escolma de textos do homenaxeado

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) rendeulle homenaxe hoxe ao profesor, crítico literario e investigador Luís Alonso Girgado, con motivo da súa xubilación. O acto, que presidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, celebrouse no compostelán Pazo de San Roque.

“Luís é un infatigable traballador da palabra, un pescudador literario e, sobre todo, un lector impenitente, de agudo olfacto crítico e certeiro criterio”, o que deu como resultado “máis dunha decena de poemarios recuperados, preto dunha corentena de entregas dos emblemáticos Cadernos Ramón Piñeiro, case medio cento de facsímiles e aínda vairas obras fóra de colección, por centrarme unicamente nas publicacións desenvoltas no marco do seu traballo como investigador do CRPIH”, indicou o secretario xeral na súa intervención.

“Se a iso sumamos a súa longa actividade docente ou o seu labor de tradutor, editor, conferenciante ou crítico literario nas páxinas da prensa galega, alcanzaremos a enxergar a importancia das súas contribucións á causa da nosa escrita e á nosa cultura”, puntualizou o secretario xeral de Política Lingüística. Neste sentido, expresou tamén a súa satisfacción pola publicación do volume Ler e vivir. Homenaxe a Luís Alonso Girgado, “co que o Ramón Piñeiro, dependente da secretaría xeral de Política Lingüística que teño a honra de dirixir, homenaxea a quen foi, desde a primeira hora, un dos seus maiores e mellores valedores”.

Canda el e o homenaxeado, interviñeron no acto Manuel González e Armando Requeixo, coordinador científico e secretario do CRPIH, respectivamente; Victor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente e profesor da Universidade de Santiago, que se ocupou da laudatio ao homenaxeado.

Unha vida dedicada á literatura

Luís Alonso Girgado naceu en Ferrol (A Coruña) en 1946. Licenciado en Filoloxía Románica, foi profesor de ensino medio en Tui, La Bañeza (León) e, xa como catedrático de Lingua e Literatura Españolas, en Lugo e Santiago de Compostela. Desde a fundación do CRPIH en 1993 foi investigador desta institución, onde dirixiu os proxectos Literatura Recuperada e Recuperación de Textos Poéticos e Xornalísticos ata a súa xubilación no ano 2016.

No CRPIH desempeñou tamén o cargo de secretario e coordinou múltiples publicacións, tanto facsímiles, como edicións e estudos de autores emblemáticos da literatura galega. Tamén foi responsabilidade súa a creación dos Cadernos Ramón Piñeiro ou a colección Láncara de Poesía. Ademais disto, foi crítico literario e colaborador nos medios de comunicación, así como director literario da colección Libros da Frouma da Librería-Editorial Follas Novas. A súa longa traxectoria foi distinguida con diversos galardóns entre os que salientan a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol (2013), o Premio Manuel Lorenzo Barja (2009) ou o Premio de Cultura do Diario de Ferrol (2005), entre outros.

Como parte do acto celebrado hoxe, o CRPIH presentou o volume Ler e vivir. Homenaxe a Luís Alonso Girgado, que contén unha cronobiografía do profesor e investigador, así como unha ampla escolma de textos de diferente tipo -edicións facsimilares, artigos de prensa, libros, revistas e cartas- escritos por el.

Comparte