Nova: O encontro 'Serán'02' viaxa aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época no Gaiás

23/06/2019

O encontro 'Serán'02' viaxa aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época no Gaiás

A Cidade da Cultura acolle entre o 28 e o 30 de xuño o ‘Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular’, coas bandas de música como protagonistas

Na noite do sábado 29, sete bandas e charangas tradicionais porán a todo o mundo a bailar nunha verbena ambientada a principios do século XX á que o público está convidado a asistir caracterizado da época

O ‘Serán’02’ reunirá máis de 500 intérpretes nun programa que ademais de concertos e espectáculos inclúe obradoiros infantís, feira, ou clases maxistrais

O evento, promovido pola Xunta para apoiar a cultura de base, está dirixido por Quique Peón e conta co apoio da FGBMP, Agadic e Gadis

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2019.- Un gran baile ambientado a comezos do século XX será o prato forte do Serán’02, o II Encontro Galego de Cultura Popular promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega de base e dedicado nesta edición ás bandas de música. Nesta verbena de época, que terá lugar á noitiña do sábado 29 de xuño, o Gaiás propón unha viaxe no tempo aos anos das Irmandades da Fala e convida a todo o público a asistir ao evento, de entrada de balde, caracterizado da época.

Neste Baile das Irmandades da Fala mesturarase o son icónico dalgunhas das bandas de música máis senlleiras de Galicia –como son as de Lalín, Santa Cruz de Rivadulla, a Unión Musical de Valladares e a Lira de Ribadavia–, coa nosa música tradicional da man das charangas de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Neste serán festeiro na praza central do Gaiás o público terá ademais o reto de amosar todo o seu ritmo sobre a pista de baile para facerse con algún dos premios da noite, que recoñecerán o mellor vestiario e a mellor parella de baile.

A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de ‘baile agarrado’, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.

Tres días de concertos

O Serán’02 terá lugar no Gaiás do 28 ao 30 de xuño e reunirá ao longo dos tres días máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia nun intenso programa con ata 17 concertos e espectáculos. Entre eles, poderemos gozar na noite do venres dun man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela– ou dun concerto da Unidad de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol na mañá do sábado.

Xa na xornada do domingo o prato forte do día serán os dous espectáculos premiados no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de O vento que nos une, interpretado pola Banda Sinfónica Galega, e Saliceta, un espectáculo no que Banda de Música de Salceda de Caselas interpretará unha suite tradicional galega incorporando música coral e tradicional.

Cómpre lembrar que no Serán’02 participan algunhas das mellores bandas de Galicia, como o acreditan os recoñecementos recibidos en certames nacionais e internacionais. É o caso da Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; ou da Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

Ademais, estarán presentes tamén as seccións infantís e xuvenís de formacións das catro provincias galegas, como a Banda de Santádega de Coles, a Banda de Música Sons e Soños, a Banda Artística de Merza ou a Unión Musical de Meaño, entre outros.

Programa para todo tipo de público

Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas como un plan familiar de fin de semana xa que, ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, o público asistente poderá visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás e conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), a Agadic e Gadis.

En www.cidadedacultura.gal pode consultarse polo miúdo o programa, enteiramente de acceso libre e de balde.

Comparte