Nova: Cultura aumenta en 150.000 euros o orzamento para o programa de dinamización lectora ‘Ler conta moito’

14/02/2019

Cultura aumenta en 150.000 euros o orzamento para o programa de dinamización lectora ‘Ler conta moito’

Unha parte dos fondos, cun presuposto total de 345.000 euros, destinaranse á sensibilización contra a violencia de xénero

A Rede de Bibliotecas Públicas integrou no ano 2018 tres novas entidades municipais nos concellos de Beariz, Curtis e Barreiros

A memoria anual de 2018 da Rede foi presentada hoxe na reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria, presidida por Anxo Lorenzo

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, presidiu a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria que tivo lugar esta mañá na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, coa participación de representantes das bibliotecas públicas de titularidade estatal ou autonómica de Galicia, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia.

Un dos principais puntos da orde do día que centrou a reunión foi a memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos novos rexistros e incorporacións á Rede. En total foron tres os centros públicos municipais os que se integraron ao longo do ano 2018: Biblioteca Pública Municipal de Beariz, Municipal Antón de Pepiño do Concello de Curtis e a Biblioteca Pública Municipal de Barreiros.

Promoción da Igualdade

Unha das principais novidades de este encontro foi o anuncio de que o programa de dinamización da lectura Ler Conta Moito contará neste ano 2019 cun orzamento de 345.000 euros, 150.000 máis que no exercicio anterior. Unha parte dos fondos destinaranse a promover a igualdade entre homes e mulleres e a prevención contra a violencia de xénero grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. Para dar cumprimento a dito acordo, a Consellería de Cultura e Turismo convocará unha nova orde de subvencións a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura destinadas á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero nas bibliotecas e axencias de lectura públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Máis de 13.700 exemplares de novidades en galego

Para a mellora das coleccións e para a incorporación de novidades editoriais en galego nas bibliotecas públicas, a Dirección Xeral de Políticas Culturais convocou en 2018 dúas liñas de axuda por importe total de 550.000 euros, que tiveron como beneficiarios 118 e 155 municipios, respectivamente. A través da liña de subvencións a novidades editoriais en galego, adquiríronse un total de 13.770 exemplares correspondentes a 426 títulos para a súa posta a disposición dos usuarios e das usuarias das bibliotecas.

GaliciaLe, un servizo cada vez máis consolidado

Outro dos puntos da orde do día do Consello de Cooperación Bibliotecaria foi a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas GaliciaLe, un servizo que cada vez está máis consolidado entre os usuarios das bibliotecas públicas galegas. Proba disto é o incremento no número de préstamos. Segundo o informe presentado hoxe no Consello de Cooperación Bibliotecaria, en 2018 houbo un 46% máis de lectores no catálogo de galego e un 67% máis no de castelán.

Entre os factores que explican estes resultados cómpre destacar o fortalecemento da colección de ambos catálogos con máis títulos, licenzas e formatos e as accións de difusión levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo, baixo o lema A biblioteca vai contigo, e polo Ministerio de Cultura e Deporte.

Uso da lectura cun obxectivo terapéutico

Tamén centrou a reunión a actividade desenvolvida pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coa Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade, para poñer en marcha o proxecto Biblioterapia que consiste no uso da lectura cun obxectivo terapéutico. Trátase dunha lista de 142 libros coidadosamente seleccionada, avaliada e validada por expertos tanto do eido sanitario como do literario- que pode ser empregada como apoio ou complemento no seu tratamento.

Premio á innovación bibliotecaria

Baixo o lema As Bibliotecas públicas do futuro: As bibliotecas en proceso de cambio, en 2018 organizouse unha xornada co obxectivo de crear un espazo de encontro entre os profesionais que desenvolven o seu traballo diario nas bibliotecas públicas de Galicia. A finalidade desta cita era sentar as bases para camiñar cara ao futuro con obxectivos e recursos compartidos e cunha perspectiva clara dos retos que todos os profesionais teñen por diante. A xornada culminou coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que permite impulsar e visibilizar os proxectos e boas prácticas levadas a cabo polas bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais de Galicia.

Este ano celebrarase, no mes de outubro, a segunda edición deste encontro e entregarase o II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, dotado con 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora.

Consello de Cooperación Bibliotecaria

O Consello Cooperación Bibliotecaria ten como principais retos actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia e potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema bibliotecario galego. As bibliotecas municipais, as universitarias e as escolares están representadas neste órgano, no que tamén participan o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad Galicia).

Comparte