Nova: A exposición Quessada. Sociedade e represión homenaxea o pintor ourensán no décimo aniversario do seu pasamento

20/12/2017
A exposición Quessada. Sociedade e represión homenaxea o pintor ourensán no décimo aniversario do seu pasamento
A Sala de Exposicións de Afundación en Ourense acolle, ata marzo de 2018, unha escolma da súa obra centrada na defensa dos dereitos humanos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora nesta iniciativa para poñer en valor a figura do artista
Ourense, 20 de decembro de 2017.- A exposición Quessada. Sociedade e represión homenaxea o pintor no décimo aniversario do seu pasamento. A Sala de Exposicións de Afundación na cidade das Burgas acolle ata o vindeiro mes de marzo unha escolma da obra do artista ourensán que inclúe máis de 50 pezas de diferentes estilos e técnicas, propiedade de institucións como Afundación, o Concello de Ourense, o Museo Quiñones de León de Vigo, a Universidade de Santiago, ABANCA ou a propia Fundación Quesada.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da mostra, onde destacou que as obras expostas revelan “o compromiso de Quessada contra a tiranía”, sendo por tanto a mellor maneira de homenaxealo dez anos despois da súa morte. No acto inaugural estiveron presentes tamén Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense; Mercedes Rozas Caeiro, patroa de Afundación; María Jesús Blanco Piñeiro, viúva do pintor e presidenta da Fundación Xaime Quesada Blanco; e José Gómez Alén, vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco e comisario da exposición.
Unha figura prolífica da arte galega
“Quessada foi un virtuoso do debuxo e do emprego dramático da luz e da cor”, apuntou Lorenzo, engadindo que se revelou como “unha das personalidades artísticas máis prolíficas e universais da historia da arte en Galicia”. Con esta mostra preténdese recuperar a memoria das súas achegas estéticas para a proxección cultural e a renovación da arte galega contemporánea. Poderanse ver algunhas das pezas menos coñecidas do artista, pero que amosan o seu compromiso “co mundo e co seu tempo desde unha perspectiva galega e universal”.
Esta exposición constitúese, ao tempo, como un repaso da obra de Quessada para apreciar a complexidade estética dun artista que se definiu como “multiforme” e que testemuñou a guerra, a fame, a inxustiza ou a represión do seu tempo. No plano estético a escolma é, tamén, un compendio das obsesións do autor, tanto como un percorrido polos acontecementos do convulso século XX e as súas consecuencias.
O interese de Quessada. Sociedade e represión vén definido pola importancia deste recoñecido pintor, cunha obra pictórica exposta durante máis de 50 anos por diferentes países de Europa e de América. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con este proxecto expositivo que se completa coa edición dun catálogo para poñer en valor a obra dun dos artistas máis salientables da historia da arte en Galicia.